Acentos e preposicións motivan a correción do nome de dezasete rúas de Pontevedra

Pontevedra
15 de abril 2026
Actualizado: 16:35

A iniciativa parte dun informe técnico do Servizo de Normalización Lingüística municipal. Os cambios entrarán en vigor o próximo 16 de maio

Placa co nome da Rúa Fernández Villaverde

O Concello de Pontevedra dará un novo paso na normalización lingüística do seu rueiro.

No vindeiro pleno municipal incluirase, dentro da parte resolutiva, unha proposta para corrixir a denominación de dezasete rúas as que verán modificada a súa denominación oficial.

Farano para adaptarse á normativa vixente e garantir unha identificación máis precisa e coherente do territorio.

A iniciativa parte dun informe do Servizo de Normalización Lingüística, que detectou que algúns nomes non cumprían cos criterios legais, especialmente no que respecta ao uso do galego como forma oficial dos topónimos.

A proposta recolle tanto a denominación actual como a nova, que será a que pase a ter validez administrativa.

A iniciativa tamén ven motivada pola recente actualización do Nomenclátor de Galicia, que entrou en vigor o pasado 11 de abril.

No caso concreto de Pontevedra, a revisión do rueiro permitirá emendar erros detectados en diversas vías.

Entre as modificacións máis habituais están a corrección de acentos ausentes e a incorporación da preposición "de" en determinados nomes de rúas adecuándose así á forma considerada correcta.

Desde o punto de vista legal, o Concello está obrigado a manter actualizado o rueiro e o padrón municipal, de maneira que reflictan fielmente a realidade.

Así o establecen diferentes normas, entre elas a lei de normalización lingüística de Galicia, que fixa que os nomes de lugares en Galicia deben ter como única forma oficial a galega.

Ademais, a lexislación estatal en materia de réxime local tamén incide na necesidade de revisar e corrixir os datos cando non se axustan á realidade.

Aínda que existe certo debate sobre que órgano municipal debe aprobar este tipo de cambios, a proposta aposta porque sexa o pleno quen adopte a decisión, ao tratarse dun elemento simbólico e identificativo do municipio, como son os nomes das rúas.

Unha vez aprobado o acordo, o Concello encargarase de trasladar as modificacións aos rexistros oficiais, incluído o Instituto Nacional de Estatística, así como de actualizar o padrón e outras bases de datos municipais.

Os cambios entrarán en vigor o vindeiro 16 de maio.

Con esta medida, o goberno local busca non só cumprir coa normativa, senón tamén avanzar na normalización lingüística e na mellora da organización administrativa da cidade.