O equipo de arqueoloxía da Deputación atopou un esqueleto no xacemento da Lanzada.
A Presidenta da administración provincial, Carmela Silva, acompañada polo alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, e o arqueólogo responsable da intervención no Campo da Lanzada, Rafael Rodríguez, acudiron á excavación para ver in situ o seu levantamento.
Trátase do primeiro esqueleto que aparece no Campo da Lanzada desde a década dos 60-70 do século pasado. Está nun excelente estado de conservación. A falta do estudo que se realizará en Santiago e cuxos resultados se coñecerán nun prazo comprendido entre un e dous meses, parecer ser que se trata dunha muller nova que realizaba unha actividade física intensa.
O equipo de arqueoloxía chamoulle Cornelia ó coincidir o achado con esa onomástica.
Ata o momento xa se acharon na Lanzada máis de 3.000 pezas e estruturas descoñecidas.
O arqueólogo da Deputación de Pontevedra destacou que o achado de Cornelia "supón a confirmación da extensión da necrópole galaico-romana ata a área de ocupación, ó carón das vivendas" e engadiu que "nos permitirá contar a historia das galegas e dos galegos, poñerlle cara ás e ós protagonistas reais do que aconteceu neste territorio".
Ademais, Rafael Rodríguez subliñou que o estudo que se realizará en Santiago "permitirá datar ó esqueleto e determinar se pertence á etapa prerromana ou romana".
A intervención arqueolóxica do Campo da Lanzada, que comezou o pasado 20 de xullo e continuará ata novembro deste ano, se enmarca no protocolo asinado entre a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento y pretende triplicar a zona visitable da escavación, poñendo en valor a área romana do recinto co fin de aclarar cronoloxías.