Acordo para utilizar o espazo peonalizado en Barcelos como patio do colexio

Pontevedra
09 de setembro 2016

Unha xuntanza a tres bandas entre o Concello, a Consellería de Educación e a dirección do colexio de Barcelos permitiu desbloquear a posibilidade de que os nenos e nenas que estudan no centro poidan utilizar o espazo recentemente peonalizado da praza de Barcelos

Barcelos semipeonil Mónica Patxot

Unha xuntanza a tres bandas entre o Concello, a Consellería de Educación e a dirección do colexio de Barcelos permitiu desbloquear a posibilidade de que os nenos e nenas que estudan no centro poidan utilizar o espazo recentemente peonalizado da praza de Barcelos.

Así o vén de anunciar o goberno municipal. Para que sexa unha realidade e se poida pór en marcha neste mes de setembro, a dirección do centro comprometeuse a levar o asunto ao Consello escolar e ao Claustro para elevar unha petición ao Concello para o uso da praza como patio do colexio durante o período escolar.

Dende o Concello farase un informe favorable, e con esta autorización a Consellería de Educación comprometeuse a aumentar a póliza de seguros do centro para incluír a praza como espazo de recreo durante o período escolar

A praza é pública e estará a disposición de todos os veciños de Pontevedra, pero durante as mañás a praza tamén estará a disposición do colexio para que realicen nela todas as actividades educativas que desexen.

Con este acordo, o Concello de Pontevedra celebra ter acadado que se poida facer uso do novo espazo con equipamentos deportivos e o parque infantil para lecer de todos os que queiran empregalo, pero tamén se consegue mellorar as instalacións do centro escolar que, pola súa situación, son un tanto escasas.