Acreditan a mellora da calidade das augas nas praias de Loira e Raxó

Marín
20 de novembro 2018

Dúas praias da comarca de Pontevedra, a de Loira (Marín) e a de Raxó (Poio), viron como a calidade das súas augas melloraron no último ano. Así o acreditan as análises realizadas pola Consellería de Sanidade, que determina a clasificación sanitaria vixente para a tempada de baño de 2019

Praia de Loira (Marín) Concello de Marín

Dúas praias da comarca de Pontevedra, a de Loira (Marín) e a de Raxó (Poio), viron como a calidade das súas augas melloraron no último ano. Así o acreditan as análises realizadas pola Consellería de Sanidade, que determina a clasificación sanitaria vixente para a tempada de baño de 2019.

Entre ambas, é a de Loira a que sae mellor parada. Tras anos cunha cualificación inferior, o areal marinense recuperou a cualificación de "excelente" con respecto á súa zona de baño, situándose ao mesmo nivel que Portocelo, Mogor, Aguete e O Santo-A Coviña.

O goberno municipal de Marín entende que este é o primeiro paso para conseguir a ansiada bandeira azul para Loira que, ano tras ano, quedaba fóra deste recoñecemento tan só pola clasificación sanitaria da auga, que as análises determinaban como "boa".

A pesar diso, Marín dotábaa dos mesmos servizos que ás praias con bandeira azul, entre eles, baños, socorristas, duchas, limpeza e unha adecuada accesibilidade.

Pola súa banda, a praia de Raxó tamén ascende un nivel e pasa de estar catalogada como "suficiente" a "boa", o que tamén celebran desde o Concello de Poio. Con todo, a calidade da auga do areal de Laño mantense como "suficiente" o que, en todo caso, non impedirá o baño na próxima tempada.

En total, doce praias de Poio teñen unha auga "excelente": A Canteira, Covelo, Cabeceira, Campelo, as dúas de Chancelas, Fontemaior, Lourido, Ouriceira, Padrón, As Sinas e Xiorto.

Esta cualificación de "excelente" repítese nas praia fluviais de Ponte Sampaio (Pontevedra), A Lama ou A Calzada (Ponte Caldelas) e en todos os areais de Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Sanxenxo ou Vilanova de Arousa. En Bueu e Vilagarcía, as únicas excepcións son Agrelo e A Concha, catalogadas como "boa" e "suficiente" respectivamente.

A praia fluvial do Lérez, pola súa banda, queda fóra desta clasificación porque, segundo Sanidade, non hai datos das catro últimas tempadas e non hai as 16 mostras que, como mínimo débense realizar para clasificala. De maneira provisional, está listada como "boa".