Xa está aberto o prazo para tramitar as autorizacións administrativas necesarias para instalar postos de venda e xestionar a barra-bar durante a III Semana Grande das festas de Soutomaior, que terán lugar do 1 ao 7 de agosto coincidindo coas festas de San Salvador.
As persoas e entidades interesadas teñen de marxe ata o venres 17 de xullo para enviar a súa documentación.
O proceso debe realizarse obrigatoriamente a través da sede electrónica do concello, onde xa se encontran publicadas as bases reguladoras e mailos anexos correspondentes.
A convocatoria divide a participación en dúas categorías diferenciadas:
Postos de venda: Destinados a autónomos, empresas e asociacións sen ánimo de lucro que comercialicen produtos habituais de feira como rosquillas, xoguetes ou complementos.
Barra-bar: Concederase unha única autorización para dar servizo ao longo de toda a semana festiva. A actividade repartirase en dous puntos concretos: a contorna da igrexa do Divino Salvador e o torreiro da Festa da Dez, situado en Candán.
A adxudicación desta barra efectuarase mediante un sistema de concorrencia competitiva.
Para a elección do proxecto gañador, vai avaliarse a proposta económica xunto con criterios sociais, técnicos, de sustentabilidade ambiental e a vinculación co propio municipio.
A intención é estruturar o espazo público baixo criterios de seguridade e hixiene, ao mesmo tempo que coordinar a actividade comercial coas necesidades da programación festiva de Soutomaior.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.