O PSOE de Poio avisa dun "encarecemento brutal no recibo da auga"

Poio
07 de marzo 2025
Actualizado: 19:48

O PSOE critica que os proxectos nas redes de abastecemento e saneamento supoñen "unha subida de máis de 800.000 euros anuais que afectará directamente á economía dos fogares de Poio"

Grupo Municipal Socialista de Poio PSdeG-PSOE de Poio

A aprobación das memorias e anteproxectos das actuacións nas redes de abastecemento e saneamento de Poio xerou conflito entre o goberno municipal e a oposición.

Segundo denuncia o PSOE, os populares levarán a pleno estes proxectos, que xa foran elaborados e proxectados polo anterior goberno e que, agora, "esconden unha realidade preocupante".

Din os socialistas que a proposta presentada polo alcalde, Anxo Moldes, implica "un encarecemento brutal no recibo da auga para todos os veciños e veciñas de Poio, que entrará en vigor xusto despois das eleccións municipais de 2027".

É por iso que denuncian que o goberno local "perdeu dous anos para aprobar o contrato da auga" nos que houbo "un atraso inxustificado" xa que os proxectos xa estaban preparados.

Agora, os socialistas sinalan que o PP tenta "presentar estas actuacións como propias", á vez que "impón unha subida de máis de 800.000 euros anuais que afectará directamente á economía dos fogares de Poio".

"Está claro que o único obxectivo do PP é chegar ás eleccións vendendo proxectos e obras mentres ocultan deliberadamente o impacto real que terá a súa xestión sobre os petos da veciñanza, que terá que pagar a factura do seu oportunismo", critica Gregorio Agís, portavoz do Grupo Municipal Socialista.

Neste sentido, Agís apuntou que a decisión tomada por parte do goberno municipal "confirma o que levamos denunciando desde hai meses: bloquearon a proposta do anterior goberno para poder agora aplicar a súa propia fórmula, que suporá un incremento brutal dos impostos. O incremento do prezo explícase, en parte, pola decisión do PP de aplicar o 21% de IVE no concepto de saneamento, algo que na nosa proposta non era necesario, ao considerar que debía ser unha taxa e non un imposto".

Desde o Grupo Municipal Socialista din que votarán a favor da aprobación dos proxectos, ao consideralos "imprescindibles" para modernizar a rede de abastecemento e mellorar o servizo de todo o municipio, e tamén nas parroquias de Vilariño, Fragamoreira e A Caeira.

Con todo, advirten que "non imos avalar unha xestión que pretende impor unha subida desorbitada no recibo da auga, polo que nos abstemos na aprobación da viabilidade proposta polo PP".

RESPOSTA DO GOBERNO LOCAL

Desde o goberno local de Poio sinalan que foron eles os que desbloquearon un contrato "que levaba sete anos caducado, en só ano e medio de mandato", ofrecendo así resposta a unha situación que consideran "prioritaria". Isto tradúcese, segundo indican, nuns investimentos por valor de 15 millóns euros para mellorar as redes de saneamento e abastecemento de auga en todo o municipio.

Ademais, cuestionan o voto da oposición durante o pleno "se tan mal lles parecía este estudo de viabilidade". É por iso polo que, desde o Partido Popular, piden "que sexan responsables e deixen de manipular" xa que, no abastecemento, un consumidor doméstico abona actualmente 8,38 euros e co novo contrato da auga, no primeiro ano o recibo bimestral reducirase a 7,43 euros e no terceiro, cando xa comecen a executarse os investimentos, actualizarase a 8,92 euros.

No caso do saneamento, o goberno local subliña que neste momento a cota fixa do consumidor doméstico é de 15,32 euros, que se rebaixará a 14,74 euros no primeiro ano e, no terceiro, tamén cos primeiros investimentos nas redes, establecerase en 21,32 euros.

Neste sentido, recordan que o establecemento dunha tarifa e non taxa non é por decisión do goberno, senón para adaptarse á Lei de contratos do ano 2018. "Existen numerosos informes da intervención e do secretario advertindo que non se pode aplicar taxa e ten que ser tarifa", engaden.

Por último, critican que o traballo feito polo anterior goberno tripartito, que se asentaba sobre taxa, era un "estudo ilegal, e así o demostra o informe do secretario municipal que recomendou ao goberno actual iniciar todo o procedemento desde cero".