Adxudicadas as obras de mellora da mobilidade peonil do núcleo da Chan, en Cotobade

Cerdedo Cotobade
08 de decembro 2020

Actuarase creando novas beirarrúas nun tramo inicial de 200 metros na EP–0401 que transcorre polo núcleo da Chan, no concello de Cerdedo-Cotobade

Visita das autoridades ao núcleo da Chan, recén humanizado Concello de Cerdedo-Cotobade

A Deputación de Pontevedra ven de adxudicar as obras, por un importe total de 30.250 euros, para ampliar a mellora da seguridade viaria do núcleo da Chan, no concello de Cerdedo-Cotobade.

A actuación, que comezará proximamente, ten por obxecto a creación e a mellora das beirarrúas, reforzando a seguridade viaria e peonil neste tramo inicial da estrada, seguindo o modelo de "mobilidade amable, segura e sostible" da institución provincial.

Estas obras de conservación, adxudicadas á Servicios Medioambientales Miño S.L., teñen un prazo de realización dun mes e desenvolveranse nos primeiros 200 metros de estrada provincial EP 0401 Carballedo-Caroi ao seu paso polo núcleo da Chan.

Trátase dunha zona de especial tránsito e intensidade peonil por estar situada na contorna da Casa do Concello, do Centro de Saúde de Carballedo e de entidades bancarias que dan servizo a toda a poboación do municipio.

A actuación completa o proxecto de recuperación feito tras o convenio de colaboración co concello, que contou cun investimento de 440.572 euros e que permitiu reformar a contorna da praza da Chan, en Carballedo, e da capela de San Roque. Desta maneira, a creación e mellora destas beirarrúas únese á habilitación da área de aparcamento e a ampliación da praza cunha vía de plataforma única, e á transformación e recuperación do espazo público como un dos principais obxectivos da Deputación nas infraestruturas provinciais.