'Agasallas reciclado? Crea economía local', campaña de Nadal de Boa Vida

Pontevedra
27 de novembro 2021

A proposta para estas festas busca recadar fondos para desenvolver proxectos de formación e produción agrícola. A organización ofrece produtos para mercar a prezos solidarios seleccionados e postos a disposición do público por persoas que se atopan en situación de pobreza e exclusión. Poden mercarse nas tendas de Pontevedra e Vilagarcía

Pepa Vázquez, presidenta de Boa Vida, presenta a campaña de Nadal
Pepa Vázquez, presidenta de Boa Vida, presenta a campaña de Nadal / Asociación Boa Vida

A asociación Boa Vida pon en marcha unha campaña para este nadal coa intención de recadar fondos para poñer en marcha proxectos de formación e de produción agrícola. 

Baixo o título 'Agasallas reciclado? Crea economía local', a asociación solidaria quere motivar á cidadanía a que realice as súas compras axudando a persoas que o necesitan. 

Pepa Vázquez, presidenta do colectivo, lembra que agora que as grandes marcas decidiron promover a reciclaxe e a reutilización, en Pontevedra xa existen tendas solidarias que levan a cabo esta iniciativa desde hai anos con produtos de máxima calidade debidamente seleccionados e postos ao dispor do público por persoas que se atopan en situación de pobreza e exclusión, previamente cualificadas pola Xunta de Galicia.

O material que máis chama a atención este ano é a reciclaxe de tea vaqueira para elaborar adornos de nadal e produtos como bolsos, mandilóns, coxíns e outros materiais para o fogar, ademais dos tradicionais xoguetes.

Boa Vida iniciou tamén unha actividade de formación, produción e comercialización de produtos agrícolas para que as persoas con menos recursos conten con alimentación e ademais poñan en marcha procesos de xeración de ingresos.

Está previsto que en xaneiro do próximo ano arrinque Vivir Co Rural, fomentando actividades formativas para promover unha sociedade e unha economía sostible.  Boa Vida creará puntos de información e manterá entrevistas con persoas e colectivos para crear un grupo de "agricultos" que compartan terreos e coñecementos sobre a actividade agrícola para recuperar a forma tradicional de traballar no campo combinada con métodos actuais.

Para colaborar con Boa Vida pódense realizar doazóns, entregar xoguetes e produtos ou mercar nas tendas situadas en Santa Clara e A Seca, en Pontevedra, ou na Rúa San Roque de Vilagarcía de Arousa.