Agride un septuaxenario que lle recriminou que mexara no seu portal

Pontevedra
12 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Fontes próximas á vítima explicaron a PontevedraViva que o agresor golpeou á vítima na man cun bastón. Os feitos fixéronlle "bastante dano", afirman. Este veciño da Ferrería, que acabou sangrando tras a agresión, tivo que ser trasladado en ambulancia para que fora atendido nun centro sanitario.

Edificio da praza da Ferrería afectado pola presenza de persoas conflitivas Mónica Patxot

O conflito entre os veciños da Ferrería e as persoas que pasan en día nas súas inmediacións, moitos deles con problemas de drogadicción, viviu este luns un novo episodio.

Un septuaxenario foi agredido a primeira hora da tarde despois de que recriminase a unha destas persoas que estivese a mexar na porta do seu edificio, o mesmo que recentemente foi vandalizado con pintadas, supostamente realizadas polos indixentes que merodean a diario polas inmediacións do lugar.

Fontes próximas á vítima explicaron a PontevedraViva que o agresor golpeou á vítima na man cun bastón. Os feitos fixéronlle "bastante dano", afirman.

Este veciño da Ferrería, que acabou sangrando tras a agresión, tivo que ser trasladado en ambulancia para que fora atendido nun centro sanitario.

"Son moi agresivos, especialmente un que vai sempre cunha vara", aseguran os familiares da vítima, unha persoa á que as autoridades xa identificaron varias veces "pero ao que non lle fan nada", engaden indignados.

Ata o lugar acudiron axentes da Policía Nacional, que levantaron atestado do sucedido e investigan os feitos. Tamén compareceron, en labores de apoio, efectivos da Policía Local.

Desde a Policía Nacional confirman esta agresión e avanzan que a vítima presentou denuncia achegando un parte de lesións. O presunto agresor, segundo engaden estas fontes, non foi detido pero está identificado polas autoridades.

Ademais, subliñan que xa houbo un altercado entre ambos o pasado 7 de marzo.