O albergue de Briallos ampliará a súa capacidade até as 43 prazas

Umia
30 de xuño 2026

O orzamento total do proxecto supera os 270.000, dos cales 189.000 achégaos a Xunta. A actuación permitirá construír un novo edificio independente que se sumará ao albergue e ao bar

Consello da Xunta Xunta de Galicia

O Consello da Xunta autorizou este luns a firma dun convenio de colaboración entre Turismo de Galicia e o Concello de Portas para financiar a reforma e ampliación do albergue de Briallos, en Portas.

O investimento autonómico alcanzará os 189.000 euros, cerca do 70% dun proxecto cuxo orzamento total supera os 270.000 euros.

O albergue público de Briallos, en funcionamento desde 2005, forma parte da Rede Pública de Albergues do Xacobeo e conta coa distinción Q de calidade.

Situado no trazado do Camiño Portugués ao seu paso por este municipio, é unha instalación de referencia nunha das rutas xacobeas con maior crecemento. No que vai de ano rexistrou máis de 45.000 peregrinos, un 13% máis.

O proxecto contempla a construción dun novo edificio independente que se sumará ao albergue e ao bar. Este novo espazo estará destinado a sala de estar e permitirá incrementar a capacidade da instalación en 16 prazas, pasando de 27 a 43.

Ademais, a nova edificación deseñarase con previsión dunha futura ampliación en altura, de modo que poida engadirse unha planta adicional destinada a dormitorios se fose necesario.

A actuación enmárcase na estratexia da Xunta de Galicia para reforzar as infraestruturas vinculadas ao Camiño de Santiago de cara ao Xacobeo 2027. Este proxecto conta cun investimento global superior aos 140 millóns de euros.