O futuro do variante oeste de Caldas de Reis atópase nun momento clave, co Concello, veciños e partidos políticos mobilizados en defensa dun trazado que minimice o impacto sobre o territorio.
O alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, solicitou formalmente unha reunión co Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, co obxectivo de trasladar propostas de mellora ao estudo informativo do proxecto desta variante.
O rexedor reclama que neste encontro, que espera se celebre en Madrid, tamén participen representantes veciñais das parroquias afectadas, co fin de que as súas alegacións sexan escoitadas de maneira directa polo Goberno central.
Durante a mañá deste martes, Pérez trasladou esta petición ao subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, nun encontro no que tamén adiantou algúns dos puntos crave das alegacións que prepara o Concello.
Entre eles, destaca a demanda de que a variante non afecte a ningunha vivenda e a defensa do trazado aprobado por unanimidade no pleno municipal de 2008, unha alternativa que non impacta sobre inmobles nin divide parroquias.
O alcalde subliñou a implicación da cidadanía neste proceso e recalcou que "a cidadanía e as institucións debemos ir da man para lograr un proxecto que responda as necesidades do municipio sen causar prexuízos aos veciños".
Neste sentido, insistiu tamén en que o proxecto de acceso ao porto de Vilagarcía debería desenvolverse por separado, dado que o seu impacto afecta especialmente ao territorio caldense.
Pola súa banda, o subdelegado Abel Losada cualificou como "moi razoables" as propostas trasladadas polo rexedor e valorou positivamente a "seriedade" coa que o Concello está a abordar este proceso.
"A Administración do Estado é consciente da necesidade de resolver o problema de tráfico en Caldas interconectando as estradas nacionais N-640 e N-550", sinalou Losada, quen tamén animou ao alcalde a defender o trazado de 2008 durante o proceso de alegacións.
Jacobo Pérez confirmou que os servizos técnicos municipais ultiman a elaboración do documento de alegacións, que será sometido a votación no pleno ordinario do 25 de setembro. O obxectivo é lograr o maior consenso posible antes de presentalo oficialmente ante o ministerio.
O Concello tamén facilitou á cidadanía modelos de alegacións estándar para axilizar a participación veciñal, que xa suma preto de 1.000 escritos. O prazo para presentar alegacións conclúe a comezos de outubro.

O BNG SUMA 200 ALEGACIÓNS MÁIS
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) entregou este martes unha segunda remesa de 200 alegacións veciñais contra a proposta do Ministerio. En total, o BNG canalizou preto de 1.000 escritos de cidadáns contrarios á alternativa exposta no estudo informativo.
O portavoz do BNG en Caldas, Manuel Fariña, defende unha alternativa "branda" para a variante, que actúe como un anel viario de tráfico acougado e aposte por liberar a peaxe da AP-9 no tramo entre Caldas e Carracedo.
Fariña denuncia que a opción proposta divide as parroquias de Godos e Bemil e non mellora nin a mobilidade do municipio nin o acceso ao Porto de Vilagarcía.

O PP ESIXE A ANULACIÓN DO ESTUDO
Nunha postura máis tallante, o grupo municipal do Partido Popular de Caldas de Reis esixiu a anulación "total e inmediata" do estudo informativo do variante oeste e do acceso ao porto de Vilagarcía, ao considerar que os seis trazados propostos son "lesivos" para o municipio.
O portavoz popular, Fernando Pérez, rexistrou 750 alegacións propias e de veciños, e asegurou que a cifra total supera as 1.500 se suman as presentadas por colectivos, entidades e outros partidos.
O PP pedirá que se redacte un novo estudo que conte con maior consenso social e político. "A actual variante proposta polo Goberno central non só carece de apoio veciñal, senón que compromete o futuro desenvolvemento da vila", concluíu o portavoz.