Residentes en Caldas presentan 667 alegacións á Variante Oeste

Umia
01 de setembro 2025

O BNG, a través do seu voceiro Manuel Fariña, defende unha solución cunha "avenida branda" e un anel viario que desconxestione o centro sen "esnaquizar as parroquias"

Manuel Fariña portando as alegacións á Variante Oeste de Caldas
Manuel Fariña portando as alegacións á Variante Oeste de Caldas / BNG de Caldas

Representantes veciñais de Caldas de Reis presentaron este luns 1 de setembro na Subdelegación do Goberno un total de 667 alegacións ao proxecto da Variante Oeste, impulsado polo Ministerio de Transportes.

As reclamacións avogan por unha "avenida branda" que solucione os problemas de tráfico na vila, rexeitando a alternativa ministerial por considerala "inasumible" e sen mellorar realmente a mobilidade.

Manuel Fariña, voceiro do BNG en Caldas, acompañado de varios representantes veciñais, destacou na Subdelegación de Goberno a boa acollida da proposta nacionalista, que busca crear un anel viario que rodee o centro da vila con velocidade moderada e integrado na trama urbana.

"Temos claro que hai práctica unanimidade entre a veciñanza en rexeitar a proposta do Ministerio. Non podemos asumir que esnaquicen as nosas parroquias sen sentido para non solucionar nada", advertiu Fariña.

As alegacións presentadas polo BNG e polos veciños avisan de que os trazados propostos polo Ministerio, especialmente os vinculados ao acceso directo ao porto de Vilagarcía (alternativas NC-1a e C-3a), son innecesarios e non responden aos obxectivos de mellora da mobilidade.

Ademais, alertan de que calquera alternativa que afecte ás parroquias de Santa María, Bemil e Godos suporía "unha ruptura social e territorial e un factor de despoboamento rural".

A proposta do BNG defende unha Variante de Caldas de carácter "brando" e "tráfico calmado" que conecte Tibo con As Veigas de Almorzar, cun trazado similar á alternativa NC-1b recollida no estudo informativo. Esta solución, segundo Fariña, resolvería o tráfico de paso que soporta o núcleo urbano, en especial a circulación pesada con orixe e destino nos polígonos industriais da comarca.

En paralelo, o BNG insiste na necesidade de liberar de peaxe a AP-9 no tramo Caldas-Carracedo.