O alcalde de Poio critica que Goberno central obrigue a destinar o superávit a reducir débeda

Poio
09 de abril 2025

"Queremos ter a autonomía de decidir en que proxectos e servizos públicos podemos gastar uns cartos que son da veciñanza de Poio", defende Moldes

Ángel Moldes, alcalde de Poio Concello de Poio

O Concello de Poio pechou o ano 2024 cun superávit de 2,3 millóns de euros, uns cartos que a normativa estatal sinala que só se poderían utilizar para amortizar débeda, para nada máis.

Ante esta situación, o alcalde de Poio, Ángel Moldes, lamentou que o Goberno central impida que os concellos poidan, a día de hoxe, dispoñer do seu superávit "para desenvolver e executar proxectos financeiramente sostibles que melloren o día a día da veciñanza".

Moldes lamenta que "a falta de previsión, xestión e execución" do Executivo español "prexudique e castigue inxustamente" a aquelas administracións que fixeron unha "xestión responsable".

"Queremos ter a autonomía de decidir en que proxectos e servizos públicos podemos gastar uns cartos que son da veciñanza de Poio", defende Moldes.

En relación ao informe publicado recentemente pola Oficina Virtual de Coordinación Financeira das Entidades Locais do Ministerio de Facenda, o superávit orzamentario de 2024 da entidade local deberá destinarse a reducir débeda en 2025.

"Somos moitos os concellos de Galicia que estamos pendentes desta decisión, o Goberno está impedindo que utilicemos millóns de euros para facer mellores políticas e prestar mellores servizos aos nosos veciños", sostén o alcalde.

Moldes insiste en que este superávit debe "reverter de xeito directo na veciñanza de Poio".

Por último, indicou que con eses cartos "poderíanse estar investindo en mellorar a mobilidade peonil ou ampliar os servizos básicos de saneamento e abastecemento de auga, entre outros".