Alegría na Illa tras repetir sorte e repartir décimos de dous quintos e un terceiro: "Todos os anos picamos algo"

O Salnés
22 de decembro 2025
Actualizado: 15:00

"O caso é todos os anos ir tocando algo", manifestou, como desexo, o loteiro, Manuel Núñez. "Puido ser no verán ou nos de última hora, non sabemos cando se vendeu", recoñeceu sobre o triplo premio

Os responsables da administración de lotaría da Illa de Arousa celebran os tres premios de 2025

"Continuamos a racha dos últimos anos", presume Manuel Núñez, loteiro da administración de lotaría número 1 da Illa de Arousa

Un ano máis, volveu repetir sorte no sorteo extraordinario de Lotaría de Nadal. Este 2025, este despacho da rúa Travesía Cruceiro vendeu tres premios, dous quintos e un terceiro.

Repartiu 10 décimos dun quinto premio do sorteo extraordinario de Lotaría de Nadal, o 60649, que tamén deixou agraciados en Sanxenxo e Pontevedra e billetes doutro quinto, o 77715, e do terceiro, o 9069. En total, 116.000 euros en premios.

O primeiro en saír foi o 60649 e Manuel Núñez xa mostraba a súa alegría: "Seguimos, todos os anos picamos algo". 

Os responsables da administración de lotaría da Illa de Arousa, cos tres premios de 2025Cristina Saiz

"O caso é todos os anos ir tocando algo", manifestou, como desexo, tras recoñecerse "super contentos", aínda que recoñece tamén que este ano "a pena é que caeron números que son moi repartidos e non deixan grandes cantidades". 

Dese primeiro quinto premio repartiron unha folla, dez décimos -60.00 euros en total-, todos en portelo, e descoñece os destinatorios. Tampouco sabe a quen foron parar os cartos repartidos nos outros dous.

Recoñecía que "puido ser no verán ou nos de última hora", pois "non sabemos cando se vendeu porque ao longo da campaña vas cambiando os números".

Para un loteiro é sempre "unha satisfacción" repartir premios e, no seu caso, ademais, por partida tripla, aínda que recoñece que a festa é maior cando se venden desde un bar ou unha asociación.

Así ocorreu en 2021, coas participacións dos escolares de cuarto curso de ESO do instituto local. Ese ano repartiron 15,7 millóns de euros e repetiron premios en 2022 e 2023.

Unha das paredes do establecemento recolle toda esa sorte repartida. 20 premios en total desde o ano 2005, da Primitiva, da Bonoloto, do Euromillóns e, fundamentalmente, do sorteo de Nadal e de Reis. 

Todos os premios que repartiron na administración da Illa de Arousa nos últimos anosCristina Saiz

Especialmente positivo fora o ano 2022, con catro premios diferentes do sorteo de Nadal. Este 2025, tres. E tamén houbo premios en 2005, 2009, 2014, 2021 e 2023.

Non oculta a alegría porque "sempre cae algo aquí na Illa" e "ese é o obxectivo de todo loteiro, dar premios e repartir pemios e ilusión aos nosos clientes e amigos". 

Cristina Allo, outra das responsables desta administración de lotaría, explica que "só nos falta por dar o segundo, non o demos nunca". 

Agora están xa "coa vista posta no sorte de Reis", recoñece Manuel Núñez, que explica que as vendas animáronse xa para o sorteo do 6 de xaneiro.

Anima moito que teñan repartido premios antes. Desde que empezaron a repartir premios máis seguidos en 2021, "iso inflúe na venda positivamente".

Segundo explica Manuel, "a xente xa vén e dinos: aquí, que toca. Iso a verdade é que anima moito e axuda moito as vendas".

Responsables da administración de lotaría da IllaCristina Saiz