Ameaza do persoal de recollida de lixo en Poio con ir á folga no verán

Poio
27 de maio 2026
Actualizado: 13:43

A representación sindical denuncia que os salarios só medraron entre 20 e 41 euros na última década e esixe a implicación do Concello na fiscalización de Valoriza, empresa concesionaria do servizo

Javier Dapena e Rubén Outeda denunciaron a situación laboral do servizo de recollida de lixo en Poio

Os quince traballadores que compoñen o servizo de recollida de lixo no municipio de Poio atópanse nunha situación de extremo malestar debido á parálise nas negociacións para renovar o seu convenio colectivo, vencido desde finais do ano 2024.

Debido á falta de respostas por parte de Valoriza, a empresa concesionaria, a CIG anunciou o inicio de mobilizacións de cara á vindeira semana que, de non daren froito, poderían desembocar nunha folga en pleno período estival.

O representante da executiva comarcal da CIG, Javier Dapena, acompañado polo delegado de persoal da empresa Valoriza en Poio, Rubén Outeda, explicaron a precariedade na que desenvolven o seu labor.

Cun cadro de persoal reducido, composto por nove condutores, cinco peóns e un administrativo, o colectivo debe facer fronte ao incremento do volume de residuos que rexistra o concello pola súa condición de vila turística.

Segundo detallaron, os reforzos estivais limítanse a dous ou tres operarios, unha cantidade que consideran insuficiente e que xera queixas veciñais.

O sindicato incidiu na conxelación salarial que arrastra o servizo. Entre os anos 2014 e 2024, as retribucións unicamente experimentaron un incremento global próximo ao 10%, o que equivale a unha media de 15 euros anuais.

O único avance significativo nese período tivo lugar no ano 2024, cando se pactou unha suba do 4,6% tras desconvocarse unha folga no último momento.

En dez anos, apuntan que os condutores pasaron de 1.049 euros a 1.069 euros (20 euros máis en dez anos); e os peóns aumentaron 41 euros o seu salario, de 920 euros a 961 euros.

Según indicaron, estas cuantías compleméntanse con diversos pluses pero permanecen lonxe das que se perciben noutros concellos da contorna, como Sanxenxo ou Pontevedra.

En marzo deste ano, o novo delegado propuxo á empresa unha suba salarial correspondente aos anos 2025 e 2026 baseada nos indicadores de prezos (IPC), que se traduciría nun incremento aproximado do 5,8% (arredor duns 30 ou 40 euros mensuais).

A CIG subliñou o realismo da súa proposta, xa que non inclúe demandas de melloras sociais nin de licenzas co obxectivo de acadar un salario digno antes de negociar un convenio de maior duración en 2027. A dirección de Valoriza non ofreceu ningunha resposta nin remitiu as actas dos encontros.

A empresa Valoriza recollendo o lixo en PoioConcello de Poio

A representación dos traballadores sinala o Concello de Poio como parte corresponsable do conflito. "O Concello é responsable, non é culpable, pero é responsable, porque é o que paga", apuntou Dapena.

A CIG sospeita que existen desaxustes nos pagamentos que realiza a administración local á empresa. Segundo explicaron, a actualización dos prezos nestes contratos públicos réxese por fórmulas de revisión complexas derivadas da normativa de residuos.

O sindicato apunta a que Valoriza podería estar a percibir o canon fixo pero non a revalorización anual, provocando que nas negociacións á empresa alegue falta de fondos cos que afrontar as melloras salariais.

Ante este escenario de silencio administrativo e empresarial, o persoal ten previsto desenvolver unha concentración de protesta a vindeira semana e advirte de que a folga de verán será inevitable se non se negocia cunha proposta en firme.

Javier Dapena e Rubén Outeda, da CIGAlberto de Madrid Lafuente