Ameazan con iniciar unha folga de recollida de lixo en Poio ante o rexeitamento dunha suba salarial

Pontevedra
17 de xullo 2017

A ruptura entre a dirección e os representantes dos traballadores na negociacións coa empresa Valoriza, adxudicataria do servizo de limpeza, provoca que o comité anuncie o inicio da folga indefinida o 15 de agosto, despois das festas da Peregrina

Representantes sindicais de UGT en Valoriza Medioambiental falan co secretario comarcal Ramón Vidal
Representantes sindicais de UGT en Valoriza Medioambiental falan co secretario comarcal Ramón Vidal / Mónica Patxot

A dirección e o comité de empresa de Valoriza Ambiental, a entidade adxudicataria do servizo de recollida de lixo no Concello de Poio, romperon as negociacións que mantiñan para mellorar salarial e socialmente as condicións do persoal.

Segundo Carlos Corredoira, representante de UXT, tan só se mantivo unha reunión oficial e os responsables da empresa negáronse a ofertar calquera tipo de mellora alegando que sufrían perdas. Ante esta situación, os representantes sindicais decidiron convocar unha folga indefinida a partir do 15 de agosto, despois das festas da Peregrina de Pontevedra. 

Con esta medida de presión pretenden que a empresa sente, de novo, a negociar e acepte a demanda do persoal dunha paga extraordinaria en marzo, tal e como sucede con outras empresas que realizan esta mesma actividade noutros concellos.

Os representantes do comité indicaron que xa informaran ao Concello de Poio sobre esta medida sen que se producira reacción algunha. Responsabilizan o equipo de goberno de sacar unhas bases á baixa para a adxudicación do servizo de limpeza e a consecuencia é que, segundo apuntaba o secretario comarcal de UXT Ramón Vidal, as empresas tentan recortar economicamente nos salarios dos traballadores.

Os representantes sindicais sinalan que os 15 empregados levan dous anos co soldo conxelado.