Amizade denuncia que a nova ordenanza discrimina ás persoas con mobilidade reducida

Pontevedra
04 de agosto 2020

Rexeita a limitación temporal de uso das prazas reservadas.

Praza de estacionamento reservada para persoas con mobilidade reducida
Praza de estacionamento reservada para persoas con mobilidade reducida

A asociación Amizade lamenta que finalmente o Concello de Pontevedra non tivera en conta a súa opinión e que finalmente inclúa unha limitación temporal para o uso das prazas de estacionamento reservadas a persoas con mobilidade reducida.

Recorda que no mes de xaneiro, co coñecemento do borrador da ordenanza, a asociación enviara unha nota de prensa facendo referencia a esta mesma cuestión e que no mesmo mes mantivo unha reunión co alcalde de Pontevedra na que se lle transmitiu a profunda preocupación que suscitada o contido do borrador.

Pasados os meses sen que existise ningún contacto por parte do Concello, a entidade representativa de persoas con discapacidade atópase coa aprobación da ordenanza e coa "desagradable sorpresa" de que se mantén o contido criticado no seu momento, e que Amizade considera "discriminatorio para as persoas con mobilidade reducida, e mesmo contrario ao modelo de cidade que promulga a accesibilidade como un dos seus valores".

Desde a asociación solicitan aos responsables municipais que retiren o documento e que se leven a cabo os contactos e reunións pertinentes de cara a obter un texto final "realmente beneficioso para toda a poboación".

Así mesmo, solicitarán reunións cos diferentes grupos municipais da corporación co fin de recabar apoios que respalden un posicionamento que consideran "xusto e razoable", e que "simplemente propón seguir regulando a reserva de prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida da mesma maneira que ata o de agora; constituíndo unha pequena discriminación positiva que facilita o estacionamento aos vehículos que transporten a persoas titulares da correspondente tarxeta, favorecendo así as súas posibilidades de integración social e laboral".

Lamenta a asociación que tampouco se aproveitara a ocasión para incrementar o importe das sancións por estacionar indebidamente nunha praza reservada. "Faise evidente que falta concienciación social sobre o respecto destas prazas e, igual que noutros moitos casos, ás veces o procedemento sancionador constitúe unha medida necesaria e imprescindible para conseguir o resultado esperado", din dende Amizade.

Amizade xa se ten manifestado en diversas ocasións agradecendo o traballo da Policía Local no control de uso destas tarxetas e considera que a intensificación deste labor inspector e o incremento das sancións daría un mellor resultado.

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora