A asociación Amizade, que representa a persoas con discapacidade da comarca de Pontevedra, solicitou ao Concello de Pontevedra a petición de que, unha vez finalicen as obras na praza de Barcelos, se manteña o mesmo número de prazas de aparcamento reservadas para persoas con mobilidade reducida que existían antes desta reforma.
Lembran que estas prazas de estacionamento reservadas constitúen un mecanismo eficaz de discriminación positiva que permite ás persoas con mobilidade reducida rebaixar a distancia dos desprazamentos diarios.
Ademais, lembran que moitas persoas pertencentes a este colectivo non poden utilizar unha praza de aparcamento convencional ao precisar dun espazo mínimo para realizar manobras que lle permitan acceder ao vehículo. Por este motivo, demandan prazas reservadas, debidamente sinalizadas e co espazo necesario para ser utilizadas por persoas usuarias de cadeiras de rodas.
Explican que a súa eliminación "podería resultar discriminatorio" e mesmo "contraditorio" ao entender que normalmente xa existen escasas prazas destas características para persoas con mobilidade reducida.
A asociación que preside Paulo Fontán incide en que é necesario realizar unha revisión de todas as prazas existentes no municipio xa que "en moitos casos non cumpren coas dimensións recollidas na normativa, dificultando así o seu uso polas persoas que realmente as necesitan".
Tamén, desde Amizade, demandan un maior control por parte da Policía local para evitar o uso irregular das prazas reservadas ou o uso fraudulento das tarxetas de estacionamento cando a persoa titular desa tarxeta non é a que utiliza o vehículo.