O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou este mércores, 24 de setembro, a ampliación do prazo para presentar alegacións ao estudo informativo da Variante Oeste. Esta decisión responde a un erro detectado durante a tramitación do documento e permite agora que máis voces poidan ser escoitadas.
A noticia xa fora adiantada polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, durante unha reunión celebrada este martes na Coruña co alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, e con representantes das plataformas veciñais contrarias ao proxecto tal e como está exposto actualmente.
No encontro tamén participaron un dos técnicos responsables do estudo e o director xeral de Estradas de Galicia, Ángel del Río.
O alcalde de Caldas valorou de forma moi positiva esta ampliación do prazo, que, segundo as súas palabras, "supón unha marxe moi importante continuar presentando alegacións". Ademais, confía en que este tempo extra sirva para avanzar cara a un proxecto definitivo máis respectuoso coa contorna, centrado unicamente na construción da Variante, sen incluír o acceso ao Porto de Vilagarcía.
Pérez Gulín quixo agradecer a Pedro Blanco e ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible a súa disposición para reunirse cos representantes veciñais e escoitar as súas preocupacións. Destacou, ademais, que esta ampliación non sería posible sen a implicación e unidade mostrada polos veciños.
"O feito de ir todos xuntos da man, na busca dun interese común e sen buscar solucións específicas para cada parroquia, foi clave para detectar o erro na tramitación do estudo".
Jacobo Pérez asegurou que "como alcalde, para min supón un auténtico orgullo esta unión, da que tamén forma parte o Concello, xa que todos buscamos un mesmo obxectivo, que é que se constrúa unha variante que non se traduza en romper núcleos de poboación ou parroquias, afectando a vivendas", explicou.
O rexedor reafirmou o seu compromiso de seguir traballando xunto ás plataformas veciñais.
"Aínda queda camiño por percorrer", sinalou, aínda que se mostrou esperanzado con este novo prazo, que permitirá presentar propostas máis construtivas e consensuadas.
A meta é clara e compartida por todos: unha Variante Oeste que solucione os problemas de tráfico en Caldas de Reis sen causar danos innecesarios á súa contorna nin aos seus veciños.