Ana e Tamara, un ano esperando o indulto: está preto a súa resolución?

Pontevedra
11 de xuño 2015

Xusto cando se cumpre un ano dende que Ana Outerelo e Tamara Vidal presentaron a solicitude de indulto ante o Ministerio de Xustiza, o caso destas dúas traballadoras pontevedresas experimentou esperanzadoras novidades. O ministro de Xustiza, Rafael Catalá, asegurou que as dúas mulleres poderán evitar a prisión en aplicación do novo Código Penal

Ana e Tamara nunha concentración na que se solicita o seu indulto Mónica Patxot

Xusto cando se cumpre un ano dende que Ana Outerelo e Tamara Vidal presentaron a solicitude de indulto ante o Ministerio de Xustiza, o caso destas dúas traballadoras pontevedresas experimentou esperanzadoras novidades.

Ambas as dúas foron condenadas pola Audiencia de Pontevedra a tres anos de prisión por botar pintura á piscina de Pontemuíños durante a folga de instalacións deportivas que tivo lugar en 2010. Participaban nun piquete e foron identificadas polo xerente das piscinas, quen as acusou tamén de telo empurrado durante as protestas.

O ministro de Xustiza, Rafael Catalá, asegurou que as dúas mulleres poderán evitar a prisión en aplicación do novo Código Penal, que modificou o artigo que regula as penas por delitos contra os dereitos dos traballadores.

"É previsible razoablemente que esas persoas condenadas poidan solicitar unha revisión de condena e, polo tanto, se lles aplique o novo Código, que non leva consigo a pena de prisión," explicou o responsable gobernamental.

En todo caso, Catalá recorda que a súa solicitude está "en trámite" e que o indulto depende do Goberno e non do ministerio que el mesmo xestiona.