Andrés Díaz seguirá como alcalde de Ponte Caldelas e co seu "estilo de portas abertas"

Ponte Caldelas
15 de xuño 2019

No seu discurso prometeu gobernar dende a maioría, pero co mesmo "estilo de portas abertas, teléfono conectado e cinco minutos dispoñibles sempre para atender á veciñanza tanto nas rúas do centro urbano como nos camiños do rural"

Pleno de investidura do Concello de Ponte Caldelas Concello de Ponte Caldelas

Este sábado quedou constituída a nova corporación de Ponte Caldelas, con 13 concelleiros, dos que oito son do PSdeG-PSOE, tres do PP e dous do BNG. No pleno de investidura Andrés Díaz Sobral foi elixido alcalde en primeira votación por maioría absoluta.

No seu discurso prometeu gobernar dende a maioría, pero co mesmo "estilo de portas abertas, teléfono conectado e cinco minutos dispoñibles sempre para atender á veciñanza tanto nas rúas do centro urbano como nos camiños do rural".

Ofreceu á oposición un "pacto de diálogo" sempre que se poñan os intereses de Ponte Caldelas "por diante de calquera outra consideración".

Deu ás gracias a tódolos votantes nas últimas municipais, "tanto aos que me votaron como aos que optaron por outras forzas" e destacou que ter sido elixido nos comicios nos que rexistrou a maior participación da historia (un 73%) "é todo un plus democrático".

Finalmente esbozou as liñas mestras do próximo mandato no que situou a aprobación do PXOM como unha prioridade, ademais da urbanización das avenidas de Galicia e de Vigo e a apertura dos futuros aparcamentos da Valdarrosa e Central.

Non obstante, situou á futura estación termal de Ponte Caldelas como a "obsesión" que debe cobrar forma durante este mandato. Un proxecto, subliñou "serio e crible, asentado literalmente sobre os erros do pasado. O futuro é noso porque xa non está embargado".