Seis meses quedan por diante para as próximas eleccións municipais, e o candidato do Partido Popular á alcaldía de Poio, Ángel Moldes, decidiu debullar este luns algunhas liñas do seu proxecto e o lema para a súa precampaña, 'Vamos Poio'.
"É un lema co que aspiramos a transmitir ilusión, unir en positivo e mobilizar a esa gran maioría de veciños que quere un mellor goberno para o noso concello e non desexa volver ter tres alcaldes", sinalou o representante do PP.
Moldes explicou ademais que a súa novo lema "está formado por nove letras que representan a maioría suficiente de nove concelleiros como mínimo cos que queremos gobernar a partir do próximo 28 de maio".
O candidato popular espera un "todos contra Ángel Moldes" durante a campaña, ante o que defende que "a única opción para o cambio real, para un goberno unido, estable e solvente que poida aplicar o seu programa desde o primeiro día é unir á gran maioría da veciñanza en torno ao único proxecto capaz de facelo, o do Partido Popular".
"Un só voto pode ser decisivo para conseguir a maioría necesaria e o cambio real", subliñou Moldes, polo que aspira a obter "o respaldo de todos e todas as veciñas".
Por último, facendo balance dos últimos anos, o que será cabeza de lista do Partido Popular afirmou que "os veciños xa saben o que sucede cando gobernan tres: nada máis chegar aumentaron a débeda do concello ata os 9 millóns, subiron os impostos en plena pandemia e dedicáronse máis a tentar roubarse protagonismo entre eles que a escoitar aos veciños".