Ano "ilusionante" para a Mesa do Turismo de Poio coa guinda de La Vuelta

Poio
13 de febreiro 2025

Trinta representantes do sector turístico, administrativo e social participaron na segunda reunión deste ente coa idea de avanzar en novos proxectos de cara a este ano, que estará marcado pola etapa ciclista que sairá de Combarro o 9 de setembro

Mesa do Turismo de Poio Concello de Poio

A segunda reunión da Mesa de Turismo de Poio, celebrada este mércores no Casal de Ferreirós, reuniu a preto de trinta representantes do sector turístico, administracións, grupos políticos e o tecido social e económico do municipio.

O alcalde, Ángel Moldes, e a concelleira de Turismo, Rocío Cochón, lideraron un encontro no que se destacou o potencial de 2025 como un ano cheo de oportunidades para Poio.

Entre os eventos máis salientables do próximo ano destacan a etapa de La Vuelta a España o 9 de setembro que terá a súa saída en Combarro, cunha capacidade de proxección "extraordinaria”; a segunda edición de TapeaPoio, a Xornada de Emprendemento no Camiño e a reunión en Combarro do Irish Cruising Club, que atraerá máis de 100 embarcacións.

Rocío Cochón fixo un repaso das actuacións realizadas en 2024, destacando o éxito de iniciativas como as Xornadas Gastronómicas da Ameixa, o I Certame TapeaPoio e a recuperación da bandeira azul en Xiorto.

Ademais, subliñou o crecemento do 10% no número de prazas de aloxamento, cunha ocupación media do 76% na tempada alta e do 93% en agosto.

No ámbito do turismo náutico, o Porto de Combarro rexistrou 604 embarcacións de 14 países, consolidándose como líder provincial en tránsitos.

Cochón tamén destacou a relevancia do Turismo Xacobeo, con 8.000 peregrinos rexistrados nas variantes que percorren Poio, e o crecente interese pola Illa de Tambo, que recibiu máis de 5.000 visitantes en 2024.

Ángel Moldes na Mesa do Turismo de PoioConcello de Poio

Para este ano, a Mesa de Turismo avanzou novos proxectos, como a revitalización da Casa Museo de Colón, a creación dun espazo de referencia no Bosque de Colón e O Castrove, e un estudo sobre os "prescriptores de bolsillo” das redes sociais e os asistentes de intelixencia artificial.

Ángel Moldes pechou a reunión subliñando a importancia de seguir traballando nun turismo "de calidade, sostible e responsable”, e rexeitando mensaxes de turismofobia. "Todos cabemos, todos temos algo que aportar, e o turista nunca é o inimigo”, destacou.

O alcalde tamén resaltou o impacto que terá La Vuelta a España, xa que agarda que sitúe a Poio no mapa mundial. Tamén manifestou a necesidade de seguir avanzando na protección e posta en valor do patrimonio, especialmente na Illa de Tambo.

Participantes na Mesa do Turismo de Poio no Casal de FerreirósConcello de Poio