O anticiclón eleva as temperaturas en toda Galicia esta fin de semana

Pontevedra
03 de xullo 2026
Actualizado: 12:24

As autoridades sanitarias solicitan extremar a precaución ante a entrada de masas de aire cálido que manterán temperaturas por riba de 33 graos

Bañistas na praia de Mogor nesta vaga de calor
Bañistas na praia de Mogor nesta vaga de calor / PontevedraViva

Galicia permanece baixo a influencia das altas presións localizadas ao norte da península Ibérica, unha situación meteorolóxica que xera a entrada de masas de aire cálido procedentes do norte de África.

Segundo os datos proporcionados por Meteogalicia, este escenario meteorolóxico manterá o tempo seco e solleiro en xeral durante as vindeiras xornadas, cun incremento progresivo dos valores nos termómetros.

Para este venres, 3 de xullo, agárdase un lixeiro ascenso térmico con ceos despexados. Os ventos sopran de compoñente nordés con intensidade moderada, mentres que nas Rías Baixas as temperaturas oscilarán entre os 19 graos de mínima e os 37 graos de máxima.

O sábado 4 manterase a calor en todo o territorio. O prognóstico indica unha suba xeral tanto das temperaturas mínimas como das máximas. O vento do nordés continuará de forma moderada no litoral e máis frouxo no interior, dando paso a un réxime de brisas vespertinas nas Rías Baixas, onde se agardan valores sobre os 36 graos.

O domingo 5 persistirá o anticiclón situado entre Galicia e Irlanda. A entrada de nubes de tipo alto non impedirá o paso do sol nunha xornada onde a calor se intensificará na metade sur da comunidade, cunha previsión de superar os 39 graos na zona do Miño de Ourense.

Nas Rías Baixas as máximas situaranse sobre os 33 graos baixo ventos frouxos de compoñente leste.

A partir do luns día 6, prevese a continuidade deste ambiente seco con máximas que roldarán os 30 graos de forma xeral, afectando con maior intensidade ao interior meridional.

RECOMENDACIÓNS

Ante este episodio de valores térmicos elevados, a Xunta de Galicia difundiu unha serie de recomendacións hixiénico-sanitarias para previr os golpes de calor.

O Servizo Galego de Saúde aconsella aumentar a inxesta de auga e zumes de froita lixeiramente fríos sen agardar a ter sede, e evitar o consumo de bebidas alcohólicas, quentes ou con exceso de azucre.

En materia de alimentación, demándase priorizar ensaladas, verduras e froitas en comidas menos cuantiosas pero máis frecuentes, ademais de asegurar a refrixeración dos alimentos.

A nivel doméstico e persoal, indícase reducir a actividade física e evitar a exposición ao aire libre nas horas centrais do día.

Recoméndase o uso de roupa clara de tecidos naturais, sombreiro, lentes de sol e protección solar.

Nas vivendas, aconséllase pechar persianas e ventás cando a temperatura exterior sexa alta e ventilar nas horas máis frescas.

As autoridades lembran a prohibición de deixar nenos ou persoas maiores no interior de vehículos estacionados e insisten en chamar aos teléfonos de emerxencias 061 ou 112 en caso de detectar síntomas de esgotamento ou golpes de calor.

Estes efectos inciden con maior gravidade nos grupos de risco, integrados por menores de catro anos, maiores de 65 e persoas con patoloxías crónicas cardiovasculares, respiratorias ou renais.