Antonio Casal, Lucía Casal e Eduardo Barros, as caras pontevedresas na Cámara de Comercio

Pontevedra
27 de febreiro 2023

José García Costas seguirá sendo presidente da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía catro anos máis. Eduardo Barros, antigo presidente da extinta Cámara de Comercio de Pontevedra, é vicepresidente terceiro. Antonio Casal, director de Ence en Galicia, e Lucía Pedroso, ex presidenta de AJE en Pontevedra, son vocais

Comité executivo da Cámara de Comercio Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo y Vilagarcía

José García Costas seguirá sendo presidente da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa durante catro anos máis. Tras 22 anos xa no cargo, acaba de ser reelixido para un novo mandato. 

A designación de José García Costas, antigo presidente do estaleiro Hijos de J. Barreiras, decidiuse este luns durante a sesión de constitución do novo Pleno da Corporación, formado por 60 membros, que estivo presidida polo director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia Pérez, coa presenza do secretario xeral da institución, Manuel Fernández Pool. 

O Pleno elixiu tamén o resto de membros do Comité Executivo, entre os que figuran tres nomees sobradamente coñecidos na capital, Eduardo Miguel Barros Pereira, Antonio Casal Lago e Lucía Pedroso Súarez. 

Eduardo Barros, antigo presidente da extinta Cámara de Comercio de Pontevedra, é vicepresidente terceiro. Antonio Casal, director de Ence en Galicia; e Lucía Pedroso, ex presidenta de AJE en Pontevedra, son vocais.

Completan a directiva José Manuel Fernández Alvariño (vicepresidente primeiro), Javier Touza (vicepresidente segundo), Ramón Víctor Correa (tesoureiro) e os vogais José Liño Comesaña, Miguel Ángel García Miguéns, Horacio Gómez e Ignacio Selecto.

O Pleno estará constituído inicialmente por 60 vogais; 40 en representación dos distintos sectores empresariais elixidos por sufraxio, 10 propostos pola Confederación de Empresarios de Pontevedra de entre as empresas que realizan achegas voluntarias á Cámara e outros 10 de entre as empresas de maior achega económica.

A Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, está formada por máis de 68.000 empresas que realizan a súa actividade nos 55 concellos que compoñen a súa demarcación territorial. O organismo, que ten a súa sede principal en Vigo, conta con puntos de atención ao público nas oficinas de Vilagarcía e Pontevedra.