Ao PP resúltalle "sorprendente" que o BNG non consultara cos sindicatos a compra do local

Pontevedra
20 de abril 2017

Así o destacou tras reunirse cos representantes sindicais dos funcionarios da administración municipal que, segundo traslada o PP, coinciden con eles en que esta compra é un "erro" que non solucionará os problemas de dispersión existentes na actualidade

Reunión de Jacobo Moreira con representantes sindicais do Concello

Jacobo Moreira cualificou como "sorprendente" que o goberno municipal non consultase cos membros da xunta de persoal do Concello a operación de adquisición dun local na rúa dos Ferreiros para situar nel os servizos de urbanismo e xestión tributaria.

Así o destacou tras reunirse cos representantes sindicais dos funcionarios da administración municipal que, segundo traslada o PP, coinciden con eles en que esta compra é un "erro" que non solucionará os problemas de dispersión existentes na actualidade.

"A opción ideal é un edificio que congregue todos os servizos", reiterou o portavoz popular, que anunciou que "seguiremos explorando" as posibilidades que ofrece o antigo Banco de España, pola súa proximidade co edificio municipal de Michelena 30.

Moreira trasladou aos sindicatos, na reunión celebrada este xoves no Concello, que o novo local converterase nun futuro nunha "carga" para as arcas municipais, polo que reiterou a súa aposta pola "alternativa" que supón as dúas plantas que están baleiras no Banco de España.