Aposta pola "mobilidade amable" para as rúas Olimpio Arca e Xoán Xesús González de Cuntis

Umia
17 de xaneiro 2022

O Plan Reacpon permitirá intervir nestas dúas rúas despois de que a presidenta provincial Carmela Silva e o alcalde Manuel Campos asinaran o convenio para afrontar estas obras que teñen un orzamento de 578.417 euros. Vai renovarse o parque infantil, con nova iluminación e pavimento; instalaránse elementos biosaudables e vai mellorarse a seguridade peonil na zona

Carmela Silva, presidenta da Deputación; o alcalde de Cuntis, Manuel Campos; e a concelleira Concepción Campos
Carmela Silva, presidenta da Deputación; o alcalde de Cuntis, Manuel Campos; e a concelleira Concepción Campos / Mónica Patxot

As rúas Olimpio Arca e Xoán Xesús González cambiarán ao longo deste ano para converterse en espazos de calidade, despois de que a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, asinasen un convenio, a través do Pla  ReacPon, este luns na Deputación para abordar os proxectos de reforma destes dous viais.

A obra permitirá renovar o parque infantil, que pasará a contar con nova iluminación e pavimento de seguridade. Tamén se instalarán elementos biosaudables na zona que rodea á pista de xogos. Ademais, está prevista a ampliación de espazos para o descanso; mellorarase a seguridade viaria ao reducir a velocidade a 20 Km/ h. e tamén a accesibilidade. 

O proxecto tamén ten en conta a renovación das redes de fecais, pluviais, auga potable e iluminación. Instalaranse novos elementos de sinalización e tamén novo mobiliario urbano, que contará cun banco-cargador de móbiles que será alimentado con enerxía solar.

Esta iniciativa conta cun orzamento de 578.417 euros, dos que a Deputación Provincial financiará 496.933, mentres que o Concello farase cargo dos 81.000 restantes. 

Manuel Campos destacaba o apoio da institución provincial para abordar este e outros proxectos. Pola súa banda, Carmela Silva felicitaba ao alcalde por esa aposta pola transformación dos espazos para recuperar zonas para as persoas, tal e como demanda a Axenda 2030.

A  Deputación tamén financiará este ano a reforma da Rúa da Palma na  EP-8402 Cuntis-Cequeril, que actualmente se atopa en fase de licitación. Trátase dun proxecto no que se inviste 600.000 euros. A presidenta provincial tamén destacou que o vindeiro xoves 20, a Oficina de Turismo de Cuntis reciba o recoñecemento da  Q de Calidade na feira Fitur. 

Manuel Campos explicou que se atopan á espera do financiamento por parte do IDAE dun proxecto de mobilidade para o centro histórico de Cuntis e tamén anunciaba que o Plan Concellos se destinará a actuacións nos núcleos do rural, ademais da mellora da sede de Castrolandín.