O Concello de Pontevedra decidiu aprazar a primeira edición do mercado de troco e segunda man Segundo Premio, que estaba prevista para esta fin de semana na Parda, debido ás adversas previsións meteorolóxicas.
A nova data escollida será o sábado 22 de novembro, conservando como punto de celebración a Praza da Citara, fronte ao centro social Zona Leste, en horario de 11:00 a 16:00 horas.
A medida busca garantir o transcurso da xornada en condicións óptimas de comodidade e seguridade para participantes e público.
A programación continuará o sábado 29 no Gorgullón.
No evento poderán tomar parte particulares, asociacións e comercios especializados en segunda man, que ofrecerán artigos como xoguetes, mobiliario, roupa e outros obxectos en bo estado, tanto para troco como para venda.
Ademais, o mercado contará con obradoiros para crianzas e ambiente festivo durante a sesión vermú.
A iniciativa ten unha ampla acollida entre a cidadanía, xa que se rexistraron máis de trinta inscricións e existe lista de agarda.
A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, está a coordinar cos colectivos participantes os últimos detalles destes encontros.
Segundo Premio empregará un sistema similar ao das plataformas Vinted e Wallapop: os participantes non dados de alta como comerciantes deberán asinar unha declaración responsabilizándose das súas vendas.
Para inscribirse nas próximas citas ou solicitar información adicional, está dispoñible o correo electrónico apederua@gmail.com.