Aprobado o proxecto de seguridade viaria e peonil na parroquia de Santo André de Xeve

Pontevedra
26 de xullo 2021

O Diario Oficial de Galicia publicaba este luns 26 a aprobación dos expedientes de información pública e dos proxectos de execución deseñados pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para a mellora da mobilidade e seguridade dos veciños e dos escolares de Santo André de Xeve

Proxecto de mellora da seguridade viaria e peonil na contorna do CEIP de Santo André de Xeve Xunta de Galicia

O Diario Oficial de Galicia publicaba este luns 26 a aprobación dos expedientes de información pública e dos proxectos de execución deseñados pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para a mellora da mobilidade e seguridade dos veciños e dos escolares de Santo André de Xeve.

Trátase dos dous proxectos que se levarán a cabo nas estradas autonómicas PO-223 e PO-224, ao seu paso por esta parroquia pontevedresa. O Consello da Xunta aprobou este mes de xullo os respectivos decretos de utilidade pública dos terreos afectados polas actuacións. Desa forma, no segundo semestre do ano está previsto o levantamento das actas previas á ocupación dos terreos e a licitación das obras.

SENDA PEONIL E CICLISTA

Dunha banda, a Xunta prevé executar unha senda para peóns e ciclistas non deportivos na estrada autonómica PO-223, entre os núcleos do Couso e O Sobral, que suporá un investimento de case 1,2 millóns de euros.

O novo itinerario, de 2 quilómetros de lonxitude, configurará un percorrido continuo no treito comprendido entre os puntos quilométricos 3+600 e 5+760, unindo así os citados núcleos, e atravesando o polígono industrial e o CEIP Santo André de Xeve. A senda terá un ancho mínimo de 1,80 metros e contará con bordo delimitador, resultando un ancho transitable de máis de 2 metros.

A actuación completarase con modificacións puntuais do trazado da estrada, entre os puntos quilométricos 3+650 e 4+600, para xerar espazo na súa marxe dereita e poder encaixar a senda.Tamén se intervirá na mellora das principais interseccións, coa implantación de semiglorietas e cuñas de aceleración e deceleración.

Ademais, melloraranse as paradas de autobús dos puntos quilométricos 3+850 e 5+300 e, atendendo á solicitude do colectivo ciclista Pedaladas, incorporarase un pequeno treito de senda na glorieta da intersección coa vía a Monteporreiro.

MELLORA DA SEGURIDADE VIARIA

Este proxecto compleméntase coa actuación de mellora da seguridade da estrada autonómica PO-224, en Santo André de Xeve, na contorna da intersección coa PO-223. O obxectivo é reforzar a seguridade viaria na estrada PO-224, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 2+440 e 2+830 e na intersección coa PO-224, onde se sitúa o centro escolar CEIP Santo André de Xeve.

Actuarase na mellora da actual intersección en cruz entre as estradas autonómicas PO-223 e PO-224, con regulación con semáforos e unha glorieta que fomente a diminución da velocidade na zona. Prevese, ademais, habilitar un itinerario peonil e ciclista de 400 metros que permita conectar o núcleo de Sobral co colexio Santo André de Xeve.

Tamén se procederá á reordenación e ampliación de zonas de aparcadoiro na contorna do CEIP, que disporá de 27 prazas en batería, ampliarase a zona de aparcadoiro de buses actual e incorporaranse 18 prazas para profesores e empregados do centro educativo.

Na zona frontal do CEIP, habilitarase un carril exprés, o coñecido como "kiss and ride" existente nos aeroportos, que estará deseñado para que os alumnos baixen do coche e poidan acceder ao centro de xeito seguro.

As actuacións proxectadas neste proxecto están recollidas na colaboración asinada entre a Xunta e Stop Accidentes para a mellora da seguridade viaria na contorna do CEIP de Santo André de Xeve.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora