O persoal técnico da Estación Fitopatolóxica do Areeiro está a avanzar na investigación do fungo que causa o murchamento da flor da camelia a través de dúas grandes liñas de traballo centradas na caracterización da interacción planta-patóxeno e no desenvolvemento de técnicas para a mellora xénetica do xénero Camellia.
Ven de reunirse a comisión de seguimento do proxecto que está a impulsar o centro dependente da Deputación en colaboración coa Sociedade Española da Camelia e a Universidade de Vigo para impulsar aplicacións biotecnolóxicas que permitan obter resistencia ao fungo Cibirinia camelliae, causante do principal problema fitosanitario das camelias ornamentais a nivel mundial.
A Deputación de Pontevedra está a investir 26.000 euros neste proxecto de investigación, con vixencia ata abril de 2025, que está a avanzar no estudo dos fundamentos biolóxicos da interacción entre o fungo Cibirinia camelliae e plantas do xénero Camellia, e utilizar a mellora xenética como recurso para a obtención de flores pouco ou nada susceptibles ao ataque deste fungo altamente especializado.
En concreto, en Areeiro estase a traballar para identificar xenes candidatos da virulencia no fungo e xenes de resistencia na planta.
Ademais, o centro dependente da Deputación está a desenvolver unha metodoloxía para estudar a función e o efecto de diferentes xenes sobre a susceptibilidade ao ataque do fungo.
Foi en 1999 cando se detectou por primeira vez na provincia o fungo causante do murchamento da flor da camelia e, desde entón, Areeiro está a probar diferentes estratexias para tentar o control da enfermidade.
Debido á ausencia de efectividade das alternativas aplicadas ata o momento, este centro está a traballar na investigación e mellora xenética como recurso para obter flores pouco ou nada susceptibles ao ataque do Cibirinia camelliae.