Arranca TapeaPoio 2025, con vinte establecementos e 7.500 euros en premios

Poio
02 de maio 2025
Actualizado: 6:43

Desde este venres 2 ata o domingo 18 de maio, veciños e visitantes poderán degustar 24 propostas de restauradores de todo o municipio a un prezo único de 4 euros

Unhas personas consultando o programa de TapeaPoio

Arranca TapeaPoio 2025, a segunda edición do certame de tapas de Poio, coa participación de vinte establecementos de todo o municipio.

Desde este venres, 2 de maio, a mediodía, ata o domingo 18, veciños e visitantes poderán degustar e votar 24 propostas gastronómicas de grandes restauradores para todos os padales e a un prezo único de 4 euros.

A concelleira responsable de Turismo, Rocío Cochón, explicou que esta segunda edición vén con máis días, máis establecementos, máis tapas, mellores premios para restauradores e clientes, e un importante respaldo institucional, social e empresarial que dan testemuña da extraordinaria resposta en 2024, e que se aspira a superar este ano.

"O obxectivo é, novamente, estimular a actividade no sector fóra de tempada e poñer en valor a calidade e variedade da oferta gastronómica de Poio e o traballo dos nosos hostaleiros e restauradores", explicou
Cochón. Para iso, implementáronse algunhas suxestións do sector, como a incorporación dun xurado experto e a posibilidade de concorrer en dúas categorías: tradicional e creativa.

Nos últimos días, a Concellería de Turismo repartiu aos participantes materiais de votación e promoción como urnas e papeletas, posavasos ou expositores cun QR personalizado para que os clientes poidan valorar cada tapa despois de degustala. Así, poderán puntuala de 1 a 5, depositando unha papeleta ou escaneando o código QR no móbil. Só será válido un voto por persoa e tapa.

Ademais dos premios do público, un xurado experto tamén valorará cada proposta con criterios profesionais. Cochón subliñou que a composición deste órgano é "de luxo" e demostra o liderado poiense neste ámbito, xa que os membros son veciños de Poio referentes no sector, como os chefs con Estrela Michelín Pepe Solla e Xosé Cannas (Pepe Vieira), a consultora gastronómica Marga Pazos e o influencer Alberto Ribas (Alvientoo).

Os locais participantes poderán optar a catro primeiros premios -do xurado, en modalidade tradicional e creativa, e do público, tradicional e creativa- e dous segundos premios do público, un por categoría. Os premios para os restauradores teñen un valor total de 3.000 euros achegados pola empresa Froiz, ademais da placa de recoñecemento que se entregará a cada participante.

Asemade, as persoas que degusten e voten a súa tapa favorita tamén poderán optar a premios como menús degustación nos restaurantes Estrela Michelín do municipio, cestas de produtos de alimentación, estuches gourmet, viaxes en barco, estancias, vales para consumir no comercio local ou cheques de combustible, en total, máis de 3.500 euros para os clientes. Todos estes premios entregaranse o día 2 de xuño na "Gala da Gastronomía de Poio".

"Comezan 17 días nos que visitantes e veciños poderedes comprobar que Poio sabe moi ben, cunha cociña diversa e á vez única. De San Salvador a San Xoán, Combarro, Samieira e Raxó; do rural á terraza xunto ao mar; do casco urbano ao casco histórico, aquí atoparedes identidade, produto, tradición, creatividade, pero sobre todo, moita calidade!"

ESTABLECEMENTOS PARTICIPANTES E AS SÚAS TAPAS: