O TapeaPoio celebrarase do 2 ao 18 de maio en vinte establecementos de todo o concello

Poio
24 de abril 2025
Actualizado: 02 de maio

A presentación deste concurso culinario tivo lugar este xoves na praza do Mosteiro de San Xoán

Presentación TapeaPoio
Presentación TapeaPoio / Concello de Poio

Do 2 ao 18 de maio o concello de Poio celebrará a segunda edición de "TapeaPoio", o certame de tapas no que participan 20 establecementos do municipio.

A presentación deste concurso culinario tivo lugar este xoves na praza do Mosteiro de San Xoán, nun acto no que o alcalde de Poio, Ángel Moldes, estivo acompañado da deputada de Turismo da Deputación de Pontevedra, Nava Castro; e do subdirector do Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG), Luis Rial, xunto con tres dos catro integrantes do xurado experto que se incorpora nesta edición: os chefs Estrella Michelín Xosé Cannas, do restaurante Pepe Vieira, e Pepe Solla, do restaurante Casa Solla, e a socia fundadora de Salmoira, Marga Pazos.

O alcalde destacou a "extraordinaria acollida" da edición do pasado ano e anunciou que o "TapeaPoio 2025" terá máis días, máis tapas, máis participantes e maiores premios para restauradores e clientes.

O obxectivo, dixo Moldes, é promocionar o concello como destino, "para aumentar a nosa proxección".

O importe dos premios para restauradores e clientes ascende este ano a 7.500 euros, case 2.000 euros máis que en 2024. 

Os restauradores poden optar a catro primeiros premios, xurado tradicional e creativa e público tradicional e creativa, consistentes nun cheque de 600 euros en produtos do "Cash Froiz", a canle da distribuidora para os profesionais. O premio para o segundo clasificado en valoración do público en cada categoría recibirá un cheque de 300 euros, tamén canxeables por produtos no Cash Froiz. Ademais, os vinte restauradores recibirán unha placa de recoñecemento.

Ao rematar o certame, tamén se sortearán premios entre as persoas que degusten e voten a súa tapa favorita. Estes premios están valorados en preto de 3.500 euros.

As tapas volverán ter un prezo único de 4 euros en cada un dos 20 establecementos adheridos. Tras degustalas, os clientes poderán votar por cada unha delas, puntuándoa de 1 a 5, mediante un código QR exclusivo de cada local ou depositando unha papeleta nunha urna situada en cada local. Só será válido un voto por persoa e tapa.

A partir do día 18, recontaranse os votos do público e as valoracións do xurado para determinar as mellores tapas de cada modalidade. 

Todos os premios se entregarán nun acto que se celebrará o 2 de xuño no Pazo de Colón e que desde o Concello de Poio aspiran a que se consolide como unha "auténtica Gala da Gastronomía".

ESTABLECEMENTOS PARTICIPANTES E AS SÚAS TAPAS:

  • Bar Coral (Raxó), coa tapa "O Corvo viste de Millo" na modalidade tradicional.
  • Bodega O Bocoi (Combarro), con "Guiso de Parrochiñas con Millo" na modalidade tradicional.
  • Café-Bar Aquelo (A Seca - San Xoán), coa tapa "Paté de Mar" na modalidade tradicional.
  • Cafetería Ferreti (Raxó), coa tapa "Burguer Morriña" na modalidade creativa.
  • Casa Angelita (Lourido - San Salvador), con "Proxecto de Mar no Padal" na modalidade tradicional.
  • Casa Ces (Porteliña - San Salvador), que ofrece dúas tapas: "Filloa de mar", na modalidade creativa, e "A Gula do Xabaril" na modalidade tradicional.
  • Cervecería-Tapería Amura (Raxó), coa tapa "Sabores da Terra" na modalidade tradicional.
  • Chegar e Encher (San Xoán), coa tapa "Callos do Avó Ramón", na modalidade tradicional.
  • El Barril (Combarro), con dúas creacións: "Cóctel do mar (camarón)" en modalidade creativa e "Croqueta do mar" en modalidade tradicional.
  • La Espuela (Combarro), tamén con dúas tapas: "Delicias do Mar" na modalidade creativa e "Mar e Terra" na modalidade tradicional.
  • Mirabous (Combarro), coa tapa "Barry Bacon Boom" na modalidade creativa.
  • Eirado Das Margaridas (Liñares - S. Xoán), cun "Falso Tomate Escalfado (umami)", na modalidade creativa.
  • Novo Lar de Expósito (Samieira), coa tapa "Delicias de Polbo á Feira", na modalidade creativa.
  • Peirao (Combarro), cun "Dueto de Mexillón" na modalidade creativa.
  • Pinela Terraza (A Pinela - S. Xoán), coa tapa "Velas (Samosas de Sepia e Shitake)", na modalidade creativa.
  • Restaurante Entrepedras (Combarro), coa tapa "Cazoliña Rey", na modalidade tradicional.
  • Restaurante Evoca (Combarro), cunha tapa en cada categoría: "Batea Escabechada" en modalidade creativa e "Millo Corvo" na modalidade tradicional.
  • Restaurante Lameiriña (Raxó), coa tapa "Delicias de Bacallau" na modalidade tradicional.
  • Tintanegra (Combarro), coa tapa "Brioche de Rabo de Tenreira" na modalidade tradicional.
  • Torna (Combarro), coa tapa "Ceviche Marino" na modalidade creativa.