As avespas velutinas aniñan ata en torres eléctricas

Umia
09 de setembro 2017

Os efectivos de Protección Civil de Caldas de Reis precisan que a compañía eléctrica corte o subministro para poder retirar o niño, que está xerando preocupación entre a veciñanza

Niño de avespas velutinas en Curras Protección Civil de Caldas de Reis

Os veciños de Curras en Caldas de Reis están preocupados ante a presenza dun niño de avespas velutinas neste lugar da parroquia de Godos. Estes insectos crearon un niño nunha torre eléctrica de media tensión a unha altura que supera os 15 metros e próxima a varias vivendas. Sinalan que leva varios meses neste punto.

O 18 de agosto unha dotación de Protección Civil de Caldas de Reis acudiu ata a torre na que se atopa o niño pero os efectivos deste servizo non puideron actuar á espera de que a compañía eléctrica garanta o corte da subministración eléctrica para evitar que alguén poida resultar ferido na intervención.

O xefe da agrupación de voluntarios, José Sieiro, informou o Centro Integrado de Emerxencias do 112 Galicia da situación e reiterou esta petición o pasado venres 8 de setembro, despois de que un veciño manifestase a súa preocupación a un volutario de Protección Civil.

Con todo, ata o momento Fenosa non ofreceu unha solución para que o operativo poida retirar o niño. Trátase dunha actuación complexa polo lugar no que se atopa o niño da avespa asiática. Sieiro sinala que xa se advertiu desta situación á Policía Local e ao alcalde.

A agrupación alerta de que eles non poden realizar o corte eléctrico e esperan que Fenosa realice o corte canto antes para que leve a cabo a eliminación deste avespeiro. Desde Protección Civil de Caldas engaden que a presenza de niños de velutina converteuse no principal motivo de requirimientos por parte dos veciños e sinalan que a agrupación de voluntarios está a realizar grandes esforzos para poder atender todas as demandas.

Arquivado en