As discotecas abrirán o 1 de xullo con aforos reducidos e un rexistro de clientes

Pontevedra
26 de xuño 2020

O vicepresidente da Xunta fixo público este venres o protocolo sanitario que regulará o funcionamento de locais de lecer nocturno, verbenas e feiras mentres dure a pandemia e que contará cun plan especial de vixilancia por parte da Policía Autonómica

Actuación da orquestra Olympus Concello de Ponte Caldelas

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presentou este venres xunto ao conselleiro de Sanidade. Jesús Vázquez Almuíña, o protocolo de seguridade para a reapertura de locais do lecer nocturno, a celebración de verbenas e de festas populares que volverán estar permitidas a partir do 1 de xullo.

A reanudación destas actividades articularase en dúas fases. A primeira durará todo o mes de xullo coas medidas incluídas no protocolo aprobado este venres. A segunda comezará en agosto e permitrá ampliar os aforos sempre que a evolución da pandemia e o cumprimento das medidas anteriores o aconsellen. 

Este protocolo establece que tanto nas discotecas como nas verbenas debe manterse a distancia interpersoal, o uso de equipos de protección, a hixiene e desinfección, así como a ventilación.

No referente aos locais de lecer nocturno, o seu interior estará limitado a un aforo de dous terzos, mentres que as terrazas quedarán limitadas ao 80 % e as pistas de baile, ao 50 %. Ademais será obrigatorio o uso de máscaras e os propietarios terán que levar un sistema de rexistro para poder localizar aos clientes no hipotético caso de que se detectase un positivo. Con todo, o cliente terá liberdade á hora de decidir se ceder ou non os seus datos. "Pídense non seu interese”, declarou o vicepresidente Rueda pedindo colaboración á cidadanía.

No caso das verbenas, o aforo calcularase cunha persoa por cada tres metros cadrados. Así en espazos de 8.000 metros cadrados non poderá haber máis de mil persoas e naqueles recintos máis grandes, o máximo será 2.000 persoas. Ademais o recinto estará delimitado e haberá zonas de entrada e saída diferenciadas.

O uso de máscaras será tamén obrigatorio mesmo para os integrantes das orquestras, que só poderán prescindir dela para cantar ou tocar instrumentos de vento.

No uso das atraccións de feira tamén haberá que levar máscara e o aforo quedará reducido ao 50 %.

Advertiu o vicepresidente que a Xunta estará moi vixiante e que poñerán en marcha un plan especial por parte da Policía Autonómica para comprobar que se cumpran todas as medidas sanitarias en todos os sectores.