As farmacias de Pontevedra inician este mércores o terceiro cribado masivo para persoas de 12 a 64 anos

Pontevedra
28 de abril 2021

Un total de 400 establecementos da provincia únense a esta campaña que se realiza por terceira vez, pero nesta ocasión para un abanico da poboación moito máis amplo, co obxectivo de detectar persoas  asintomáticas a través de probas PCR de saliva

Probas PCR de saliva para realizar cribados en farmacias Mónica Patxot

Un novo cribado masivo comeza este mércores nas farmacias de Pontevedra para detectar persoas asintomáticas portadoras do virus da covid-19. A análise será a mesma que a realizado en anteriores campañas e consistirá na autorrecollida dunha mostra de saliva, que será levada despois a farmacia para a súa análise e comunicación do resultado. A campaña está enmarcada nun acordo subscrito entre a Consellería de Sanidade e o Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra.

Esta vez a poboación diana son persoas con idades comprendidas entre os 12 e os 64 anos. Con isto dáse continuidade ao primeiro cribado desenvolvido nas farmacias en febreiro e o segundo, máis recente, dirixido a adolescentes de ata 17 anos. 

Os datos de experiencias previas fan que as perspectivas de seguir detectando positivos asintomáticos neste tipo de cribados a través das farmacias sexan altas. Desde o 12 de abril ata o 26 de abril incorporáronse ao segundo cribado, no que participan 389 farmacias da provincia de Pontevedra, 11.744 adolescentes e detectáronse 19 positivos, 13 na área sanitaria de Pontevedra e 6 na área sanitaria de Vigo. No primeiro cribado desenvolvido en 381 farmacias da provincia, do 9 de febreiro ao 23 de marzo, participaron 40.930 persoas e detectáronse 76 positivos.

Na provincia de Pontevedra hai 627.021 persoas con tarxeta sanitaria Sergas de idades comprendidas entre 12 e 64 anos, das cales 617.090 son candidatos a participar no programa e 9.931 non o son porque cumpren algún dos seguintes criterios de exclusión: superar a enfermidade no últimos tres meses, ser contacto de seguimento de covid-19 ou residir nunha residencia para maiores.

Neste novo cribado elévase a 400 o número de farmacias participantes, o que indica gran implicación dos profesionais farmacéuticos nas accións de loita contra a pandemia. Non ten data de finalización e manterase no tempo mentres sexa necesario, explican desde o colexio.

A listaxe de farmacias participantes está dispoñible nesta dirección web

NOVO CRIBADO EN POIO

Por outro lado, a Consellería de Sanidade vén de anunciar a realización dun cribado, mediante probas PCR, entre a veciñanza de Poio.  Levarase a cabo o xoves, 29 de abril, nas instalacións do pavillón polideportiva da Seca en horario de mañá e de tarde.

A franxa de idades para a realización deste cribado será de 30 a 39 anos para aquelas persoas que teñan o seu centro de saúde en Poio. As persoas convocadas para participar serán informadas previamente a través mensaxes de texto (SMS).

O Concello de Poio anima á veciñanza convocada a que participe neste cribado, a fin de poder detectar posibles casos asintomáticos. Recoméndase acudir con puntualidade á hora estipulada no SMS, respectando a distancia interpersoal