As Festas da Peregrina chegan ao seu ecuador e o público infantil gaña protagonismo

Pontevedra
17 de agosto 2022

Este xoves día 18 chega para o público infantil unha cita fundamental das festas, a tradicional Batalla de Flores, que non se puido celebrar durante os dous últimos anos pola pandemia e este ano terá un percorrido máis longo. Tamén chega o espectáculo 'O Pequeno Rei da Sabana', a primeira adaptación en galego do famoso musical do Rei León

Batalla de Flores 2019 Mónica Patxot

As Festas da Peregrina 2022 chegan ao seu ecuador. Despois dunha fin de semana grande na que os festexos resultaron un éxito de participación e dun inicio de semana marcado tamén pola elevada afluencia de público, a partir deste mércores, a programación encara xa a súa segunda metade e nesta recta final, tomará o protagonismo o público infantil. 

Este xoves día 18 chega para o público infantil unha cita fundamental das festas, a tradicional Batalla de Flores, que non se puido celebrar durante os dous últimos anos pola pandemia da covid-19 e este ano volverá encher as rúas de cor.

Este ano terá un percorrido máis longo, pasando polas rúas Loureiro Crespo, Benito Corbal, Cobián Roffignac e Padre Amoedo.

O público infantil tamén poderá gozar este xoves do espectáculo 'O Pequeno Rei da Sabana', a primeira adaptación en galego do famoso musical do Rei León.

O espectáculo corre a cargo da asociación cultural CODA, que leva máis de dez anos traballando distintos formatos e levará ao escenario da praza de España a 13 solistas e un coro de máis de vinte voces.

Durante toda a xornada, as prazas e rúas terán ambiente musical con charangas e o grupo de gaitas Duos Pontes e pola noite haberá verbena en Montero Ríos coa orquestra Eureka.