As forzas vivas de Pontevedra xúntanse para debater sobre a situación da área sanitaria

Pontevedra
11 de febreiro 2014

Tratouse dun debate no que políticos, representantes de asociacións de veciños, sindicatos e colectivos médicos reflexionaron sobre o desmantelamento que, segundo denuncian, estase producindo na área sanitaria de Pontevedra. Todos eles coincidiron en mostrar a súa preocupación polas medidas adoptadas polo Servizo Galego de Saúde e o seu total rexeitamento á nova reordenación sanitaria

Acto público en defensa da sanidade, organizado por SOS Sanidade Pública Diego Torrado

Catro días antes da manifestación que percorrerá as rúas de Pontevedra en protesta pola reordenación do mapa sanitario, que derivará aos pacientes pontevedreses a Santiago para tratarse dalgunhas especialidades, SOS Sanidade Pública celebrou este luns un acto informativo sobre a situación na área norte para concienciar á cidadanía do efecto destes cambios.

Tratouse dun debate no que políticos, representantes de asociacións de veciños, sindicatos e colectivos médicos reflexionaron sobre o desmantelamento que, segundo denuncian, estase producindo na área sanitaria de Pontevedra. Todos eles coincidiron en mostrar a súa preocupación polas medidas adoptadas polo Servizo Galego de Saúde e o seu total rexeitamento á nova reordenación sanitaria.

A charla, aberta á participación e preguntas do público asistente, serviu como quecemento para a manifestación do día 14 e chega apenas dous días despois do Vía Crucis que a Federación de Asociacións de Veciños Castelao celebrou o sábado entre Monte Carrasco, o lugar proxectado para o novo hospital, e Montecelo.