As "tarefas pendentes" de Ana Pastor

Pontevedra
19 de outubro 2015

A ministra de Fomento, Ana Pastor, indicou que o Boletín Oficial do Estado deste luns inclúe o inicio do trámite de información pública da reforma do nó de Bombeiros e o acceso norte da autoestrada AP-9

Vista aérea do Nó de Bombeiros e o acceso norte á AP-9

A ministra de Fomento, Ana Pastor, indicou que o Boletín Oficial do Estado deste luns inclúe o inicio do trámite de información pública da reforma do nó de Bombeiros e o acceso norte da autoestrada AP-9.

Segundo os cálculos da propia Ana Pastor, no prazo dun mes poderá licitarse a remodelación dun dos puntos de maior presión de tráfico da cidade de Pontevedra.

En total, a obra está valorada en 6,2 millóns de euros. Segundo reflicte o BOE, sairá a licitación por 5.141.221 euros máis IVE.

"Es otra tarea pendiente, aún quedan unas cuantas tareas pendientes", sinalou a ministra de Fomento no seu discurso este luns a Pontevedra no acto celebrado para dar inicio ás obras da autovía A-57, no tramo A Ermida-Vilaboa.

A ministra tamén explicou que respecto á conexión de Vilaboa da autoestrada AP-9 "está en los últimos trámites en Medio Ambiente para poder salir a información pública".

A proposta supera os catro millóns, e permitirá todas as conexións de tráfico na conexión da AP-9 en Figueirido, incluído cara Vigo e tamén a conexión directa coa futura autovía A-57.