As toalliñas húmidas atascan a rede de saneamento de Marín

Marín
26 de outubro 2020

Técnicos municipais acudiron este luns á Estación de Bombeo de Augas Residuais (EBAR) A Goleta, na que o cestón de retención de sólidos, recentemente colocado, estaba atascado por este tipo de residuos, que non se desfán e causan un importante impacto negativo na xestión do saneamento e no coidado do medio ambiente

Atasco de toalliñas na Estación de Bombeo da Goleta Concello de Marín

Xa leva sendo advertido desde hai anos: as toalliñas húmidas supoñen un importante perigo medio ambiental e de xestión do saneamento, dado que non se degradan e producen importantes atascos nas redes.

Este mesmo luns, técnicos municipais referiron a existencia deste problema na EBAR da Goleta, recentemente renovada, e cuxo cestón de retención de sólidos apareceu totalmente atascado pola acumulación destes residuos, ademais doutros que tamén se desbotan de xeito irresponsable polo inodoro, como compresas ou tampóns.

Desde o Concello apelan á responsabilidade da cidadanía para evitar os importantes estragos que causan este tipo de produtos, que xa están afectando a sistemas tan novos e modernos como os que hai na EBAR da Goleta.

De feito, inciden en que é responsabilidade de todos porque estes atascos non só producen avarías, senón que deterioran os equipos de saneamento e encarecen a prestación do servizo.