As primeiras 60.000 doses da vacina pediátrica de Pfizer contra a covid-19 xa está en Galicia. Os almacéns do Servizo Galego de Saúde custodian xa os viais remitidos polo Ministerio de Sanidade, que empezarán a inxectarse este mércores.
Os primeiros en ser citados serán os nenos e nenas de 11, 10 e 9 anos, empezando polos inmunodeprimidos. Serán inmunizados nos respectivos 'vacinódromos', entre eles a delegación da Xunta en Pontevedra e a Comandancia da Mariña en Vilagarcía.
Todos eles recibirán esta vacina, que inclúe unha dose moito máis pequena que a reciben os adultos, aproximadamente un terzo do soro dispoñible para os maiores. A segunda picada débese administrar ás oito semanas do primeiro.
Galicia espera vacinar entre o mércores e o sábado a todos os menores entre 9 e 11 anos, mentres que os que teñan entre 5 e 8 anos deberán esperar a que cheguen máis doses.
En total, estarán chamados a vacinarse uns 150.000 nenos e nenas.
Mentres tanto, o Sergas continúa inxectando terceiras doses da vacina aos adultos e, ao mesmo tempo que completa a inmunización entre os maiores de 60, iniciou tamén este luns coa franxa entre 50 e 59 anos.
Na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, dentro deste último segmento de idade, estaban citadas hoxe unhas 3.800 persoas.