No Concello de Poio están censadas 560 persoas maiores de 65 anos que viven soas. Co obxectivo de aliviar os efectos desa soidade non desexada que cada día afecta a máis anciáns, a concellería de Servizos Sociais de Poio pon en marcha o programa "Ata máis ver", unha iniciativa consistente en facer chamadas periódicas por teléfono a quen o necesite "para dicir nada máis e nada menos que ola" e conversar un intre con elas, explican desde a Casa Rosada.
A iniciativa poñerase en marcha este mesmo mércores co inicio da repartición de cartas a todas as persoas deste colectivo. Nelas explican o funcionamento do programa e inclúen unha tarxeta co número de teléfono da Casa Rosada para chamar e inscribirse no sistema. Unha vez feito este paso, será o persoal de Servizos Sociais o que contacte co usuario para fixar un calendario de chamadas para falar e aliviar a súa soidade.
Estas tarxetas estarán tamén dispoñibles en farmacias e centros de saúde do municipio para facilitar que todos os maiores poidan coñecer o programa e participar nel se o consideran oportuno. Ademais, para detectar se a soidade é un problema, na carta inclúen tres preguntas que os destinatarios deben responder cun si ou un non. Se reciben menos de tres chamadas á semana, se ven con menos de tres persoas á semana ou se non saben a quen chamar en caso de urxencia, é que están sós e necesitan unha axuda que empezarán a prestala desde Servizos Sociais de forma inmediata.
Destacan desde o departamento que dirixe Rosa Fernández, que este servizo é a custo cero e asumirano de bo grado todos os traballadores deste edificio. Aínda así, esperan que sexan moitos os veciños que se acollan ao programa e "xa buscaremos a forma de atendelos a todos", aseguran. Piden ademais un esforzo a toda a cidadanía, sobre todo nestas datas do Nadal nas que moitas familias non poderán reunirse pola pandemia, para que dediquen cinco minutos da súa rutina diaria a saudar, conversar ou ter un detalle con aqueles veciños maiores que non teñen a ninguén.