A ría de Arousa volveu a ser puerta de entrada para especies que, até agora, non foran vistas en augas galegas.
O último descubrimento dos científicos foi o achado dun exemplar vivo do equinodermo Astrospartus mediterraneus, coñecido como gorgoncéfalo mediterráneo.
A súa aparición, documentada por investigadores do Instituto Español de Oceanografía, amplía significativamente o límite norte coñecido desta especie, o que podería estar relacionado con cambios oceanográficos e climáticos no Atlántico noroccidental.
O descubrimento, publicado na revista PeerJ, describe un exemplar xuvenil localizado a 33 metros de profundidade na contorna da zona de mergullo coñecida como A Tartaruga.
O animal foi observado entre as ramas da gorgonia Leptogorgia sarmentosa, un hábitat compatible coas súas preferencias ecolóxicas.
O investigador Bruno Almón, autor principal do estudo, subliña que se trata dun "rexistro excepcional" que non só amplía a distribución coñecida da especie, senón que expón novas cuestións sobre a conectividade entre as poboacións mediterráneas e atlánticas.
"Até agora, os rexistros atlánticos eran escasos e case sempre baseados en exemplares mortos ou capturados accidentalmente. Atopar un individuo vivo e en bo estado en Galicia é un cambio de escenario", engade Jacinto Pérez-Dieste, coautor do traballo.
O gorgoncéfalo mediterráneo é un ofiuroideo de hábitos crípticos e nocturnos, caracterizado polos seus brazos altamente ramificados. Tradicionalmente considerábase restrinxido ao Mediterráneo e ao sur da Península Ibérica.
O artigo sinala que o exemplar galego presenta unha morfoloxía e xenética practicamente idénticas ás poboacións mediterráneas, con similitudes do 99,5–100% nos marcadores moleculares analizados.
O estudo expón varias hipóteses para explicar a presenza da especie en Galicia.
Así, barallan o transporte larvario, favorecido por correntes do sistema noroeste ibérico, o incremento das temperaturas mariñas, que situaría estas augas dentro do rango térmico que tolera a especie, ou a dispoñibilidade de hábitats axeitados para o seu asentamento.
Os autores advirten, no entanto, que podería tratarse dun individuo illado e non dunha poboación estable. Para aclaralo, impulsarán programas de seguimento para determinar si trátase dun caso puntual ou o inicio dunha expansión de rango.
No Mediterráneo, esta especie mostrou nos últimos anos episodios de proliferación que chegaron a interferir con artes de pesca.
Aínda que non se prevé un escenario similar a curto prazo en Galicia, os investigadores sinalan que o seu establecemento "podería alterar a estrutura das comunidades bentónicas locais".