Aumenta ata os 26,3 millóns de euros o plan provincial de reactivación para os concellos

Pontevedra
05 de novembro 2021

Crece a inversión anunciada para dar cobertura a "ambiciosas actuacións" en infraestruturas e equipamentos que chegan a todas as comarcas con proxectos en 47 concellos de menos de 50.000 habitantes

Carmela Silva e César Mosquera Deputación de Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e o vicepresidente, César Mosquera, presentaron este venres o plan para a reactivación social e económica ReacPon que "por decisión do goberno" crece a inversión anunciada ata os 26,3 millóns de euros para dar cobertura a "ambiciosas actuacións" en infraestruturas e equipamentos que chegan a todas as comarcas con proxectos en 47 concellos de menos de 50.000 habitantes.

Segundo sinalou Carmela Silva, o ReacPon é "unha resposta contundente" para "achegar recursos aos concellos e á xente" para impulsar a economía da provincia, xerar actividade e crear ou manter o emprego despois da pandemia. 

O ReacPon, "o plan de investimento público más ambicioso da historia da Deputación", chegará "ao 85,45% dos municipios que se presentaron". As actuacións tamén se presentarán aos fondos europeos.

De 59 concellos de menos de 50.000 habitantes que ten a provincia e podían optar ao ReacPon presentáronse 55 dos que 5 non acadaron a puntuación mínima esixida (50 puntos) e 3 incumprían as bases.

Dos 47 proxectos aceptados, 25 serán actuacións de mobilidade amable e segura cun investimento total de 19,17 millóns de euros, e 22 obras en equipamentos municipais (19,93 millóns). Neste segundo caso 5 serán de rehabilitacións de casas consistoriais (3,95 millóns), 5 de reforma de espazos culturais (4,51 millóns de euros), 8 de obras en infraestruturas deportivas (6,5 millóns), 3 actuacións en bibliotecas (3,17 millóns), e 1 de obras en cemiterios (1,8 millóns de euros). 

A presidenta da Deputación cualificou de "exitazo" a convocatoria polo volume de proxectos presentados, "de grande nivel, e moi potentes". 

En total o Plan ReacPon mobilizará 39,10 millóns de euros, sumando os 26,33 millóns que achega a Deputación e os recursos que poñen os concellos. Trátase dun investimento moi próximo ao Plan Concellos que era ata o de agora "o investimento máis potente que unha administración fai na provincia".

Pola súa banda, o vicepresidente César Mosquera xustificou que o investimento será máis elevado do previsto inicialmente pola grande resposta dos concellos á convocatoria, xa que presentaron moitos proxectos, de calidade e cumprindo as bases.

Mosquera lembrou que o orzamento provincial supón o 1,51% do da Xunta, polo que para que o goberno de Alberto Núñez Feijóo fixese un esforzo equivalente ao provincial tería que poñer en marcha un ‘Plan Concellos’ autonómico de 600 millóns de euros só para os concellos pontevedreses. "Daríalles a risa frouxa de ter que facelo", comentou.