Aumentan a 32 os hospitalizados por covid-19 mentres os casos activos baixan ata 419

Pontevedra
10 de marzo 2021

En total, segundo o balance diario do Servizo Galego de Saúde, na área sanitaria hai este mércores 10 de marzo un total de 419 casos activos por covid-19. Son 23 menos que onte. Os novos contagios, pola súa banda, foron 17

Ambulancia diante do servizo de Urxencias de Montecelo Mónica Patxot

Tres hospitalizados máis deixou a covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés nas últimas horas. Con este aumento, os pacientes ingresados con coronavirus son 32.

A maior parte dos hospitalizados (17) están en sendo atendidos en Montecelo. Outros seis están no Hospital do Salnés. Non hai ningún paciente covid, pola súa banda, no QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra.

No caso dos críticos, que están ingresados na unidade de coidados críticos (UCI) de Montecelo, aumentaron a 9, os mesmos que había onte.

O resto dos que contraeron o virus, outras 393 persoas, atópanse illadas nos seus domicilios e recuperándose baixo supervisión médica.

En total, segundo o balance diario do Servizo Galego de Saúde, na área sanitaria hai este mércores 10 de marzo un total de 419 casos activos por covid-19. Son 23 menos que onte. Os novos contaxios, pola súa banda, foron 17.

Desde o inicio da pandemia 11.927 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19, 40 nas últimas 24 horas, e rexistráronse 159 falecementos asociados ao virus.

En canto á realización de probas PCR, fixéronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 171.064, 947 nas últimas horas. Delas, 15 deron positivo (1,58%). A estas probas súmanse as 87.141 seroloxías realizadas ata a data. 

INCIDENCIA EN GALICIA

A nivel autonómico a Dirección Xeral de Saúde Pública informa que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 3.257, 165 menos que o día anterior. Deles 1.196 son da área da Coruña, 282 da de Lugo, 208 da de Ourense, 419 da de Pontevedra, 573 da área de Vigo, 357 da de Santiago e 260 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 77 están en UCI, 289 en unidades de hospitalización e 2.891 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 108.520 persoas curadas, rexistrándose 2.283 falecementos.

Desde o inicio da pandemia realizáronse en Galicia 1.733.389 probas PCR, 6.937 nas últimas 24 horas, que permitiron detectar a 142 novos infectados.