Aumentan os mozos de 16 a 19 anos que queren traballar na vendima, pero non é suficiente para cubrir a demanda

O Salnés
12 de agosto 2025

A Fundación Amigos de Galicia indica que a falta de transporte, a coincidencia de campañas e a imposibilidade de contratar a solicitantes de asilo dificultan a procura de traballadores

Personas traballando na vendima no Salnés
Personas traballando na vendima no Salnés /

É xa un problema recorrente nos últimos anos e este 2025 volveu a repetirse. As adegas da zona do Salnés teñen dificultades para cubrir a demanda de traballadores e traballadoras para a época da vendima.

A Fundación Amigos de Galicia, a través do seu servizo de orientación laboral en Vilagarcía de Arousa, xestionou até a data a contratación de 86 persoas para distintas adegas da zona, insuficientes para cubrir a demanda.

Así, segundo indica a Fundación, recibiron 98 solicitudes de peóns de vendima por parte de adegas e explotacións vitivinícolas.

Aproximadamente un 23 % dos contratados son persoas inmigrantes con permiso de traballo e este ano detectaron un aumento de mozos de entre 16 e 19 anos interesados en incorporarse ás cuadrillas.

Esta mocidade achegn unha necesaria substitución xeneracional. No entanto, a Fundacióin indica que "este incremento non alcanza para cubrir toda a demanda prevista".

Amigos de Galicia indica que entre os principais obstáculos para cubrir a demanda figura a imposibilidade de incorporación de persoas inmigrantes solicitantes de asilo ou con status de refuxiado que carecen de permiso de traballo.

A iso engádese, nalgúns casos, a falta de medios de transporte para desprazarse ás leiras, restrinxindo aínda máis as súas opcións.

A coincidencia de datas entre vendimas de distintas adegas é outro dos factores que dificulta a cobertura de todos os postos, xa que obriga a algúns traballadores a repartir o seu tempo entre varias explotacións.

A isto súmase a intermediación de empresas de traballo temporal, que tamén recorren á Fundación para captar persoal, aumentando a competencia polos mesmos candidatos.

O carácter temporal dos contratos representa outro freo, xa que pode implicar a redución ou suspensión de prestacións ou rendas mínimas, o que "disuade a potenciais interesados".