A Lanzada, 'invadida' polas carabelas portuguesas e pechada ao baño "ata novo aviso"

O Salnés
02 de setembro 2025
Actualizado: 23:20

Segundo sinala o alcalde do Grove, José Cacabelos, "en dous días retiramos máis de 100 exemplares, o cal é un récord porque nunca se sacaron tantos"

Exemplar de Carabela portuguesa Concello de Sanxenxo

O Concello do Grove izou este martes a bandeira vermella na praia da Lanzada debido á aparición de carabelas portuguesas.

Aínda que a súa aparencia é similar á dunha medusa, tecnicamente non o é. Os expertos explican que se trata dun conglomerado de organismos que cooperan como unha colonia para sobrevivir.

Xuntos, forman un hidrozoo de plancto xelatinoso, incapaz de subsistir de maneira independente. O seu nome científico é Physalia physalis.

As carabelas portuguesas posúen unha forma distintiva de globo ou vexiga chea de gas e presenta longos tentáculos urticantes, de até 50 centímetros de lonxitude, que se recoñecen facilmente pola súa cor azul ou púrpura.

Estes seres viscosos percorren grandes distancias impulsados polo vento.

Segundo sinala o alcalde do Grove, José Cacabelos, operarios municipais levan dous días retirando carabelas do areal da Lanzada, "en dous días retiramos máis de 100 exemplares, o cal é un récord porque nunca se sacaron tantos".

Cacabelos lembra que está prohibido o baño na Lanzada "até novo aviso" porque "os que atopamos estes días xa eran exemplares que non eran perigosos, pero os de hoxe si, porque manteñen os tentáculos, tentáculos que chegan a medir medio metro, mesmo máis".

O mesmo sucede no municipio veciño de Sanxenxo onde o luns xa se izou bandeira vermella na praia de Montalvo, e este martes sumáronse a ela Areas, Silgar e Canelas.

Está a revisarse o resto de praias e non se descarta seguir pechando ao baño, segundo indicaban desde o Concello.