Barro capturou 800 raíñas de velutina no último mes

Barro
09 de maio 2018

O traballo realizado polo Concello e a asociación Stop Velutina Umia permitiu ademais retirar unha ducia de niños primarios e, ao mesmo tempo, desenvolver estudos interesantes para comprobar o comportamento das avespas

Reunión veciñal en Barro pola vespa velutina
Reunión veciñal en Barro pola vespa velutina / Concello de Barro

A loita contra a vespa velutina continúa en Barro a pleno rendemento. O goberno municipal informa que, desde o pasado mes de abril, xa se capturaron unhas 800 raíñas desta especie.

O traballo realizado polo Concello e a asociación Stop Velutina Umia permitiu ademais retirar unha ducia de niños primarios e, ao mesmo tempo, desenvolver estudos interesantes para comprobar o comportamento das avespas.

Así, deixaron un niño de velutina sen raíña e cunha trampa cerca e, pasadas dúas semanas, outra raíña continuou o traballo da anterior. Isto demostra, segundo os expertos, que os niños primarios os aproveitan  e en cambio os secundarios non.

A asociación e o Concello seguirán traballando da man para seguir atentos tanto á proliferación de niños como á retirada dos mesmos. Tamén se colocaron trampas por sitios públicos do Concello para sensibilizar máis aínda a poboación e se repartiu líquido atraínte entre os veciños.

Este traballo seguirán a facelo con medios propios, tras rexeitar a sinatura dun convenio coa Xunta. En breve, avanzan, mercarán unha pértega e dous novos traxes.

Arquivado en