Veciños de Barro sofren ataques de avespas velutinas

Barro
07 de xullo 2018

Unha veciña de Curro, un residente da Portela e o tenente de alcalde e coordinador do grupo Stop Velutina Barro recibiron varias picaduras nas últimas horas

Avespa velutina
Avespa velutina

Desde a asociación Stop Velutina Umia, na que se inclúe o grupo de Barro, piden aos veciños que estreiten a vixilancia sobre os niños primarios para avistar as avespas velutinas co fin de eliminalos antes de que alcancen un maior tamaño e sexan máis difíciles de retirar.

Desde este colectivo alértase de que, nas últimas horas, sufriron picaduras varios habitantes do municipio. Unha veciña de Outeda en Curro tivo que ser atendida no centro médico de Barro tras o ataque dunha velutina. O enxame foi eliminado. Atopábase nun pequeno alpendre á beira dunha casa, dentro dun oco dun bloque, un dos puntos nos que con máis frecuencia aniñan. 

Na Áspera, Portela, outro veciño foi sorprendido por tres avespas causándolle danos e obrigándolle a acudir a Urxencias do Hospital Montecelo. As picaduras resultaron dolorosas e causáronlle reacción. Cando o grupo de Barro Stop Velutina quixo retirar o niño, que tamén se atopaba no interior dun bloque, unha das avespas picou ao tenente de alcalde José Sanmartín, ao que se lle aplicou unha inxección no centro médico. 

Durante a xornada deste venres retiráronse catro niños primarios e o equipo aínda tenta localizar un subterráneo. Ao longo deste sábado tamén está prevista a retirada doutros dous enxames en Porráns e en Vilaverde.

Este tipo de niños adoitan atoparse moi preto dos lugares nos que residen persoas e animais domésticos. Por este motivo, é necesario extremar as precaucións. Desde Stop Velutinas Umia alertan tamén de que a falta de froitos deste ano provocará que as velutinas busquen alimento nas vides e atacarán a pouca froita que se atopa nas árbores.

Arquivado en