Profesionais do centro de saúde de Lérez desenvolveron este venres unha xornada informativa no Mercado de Abastos de Pontevedra.
A iniciativa, enmarcada na véspera do Día Europeo para a Prevención do Risco Cardiovascular que se celebra este sábado 14 de marzo, buscou achegar á cidadanía as claves para reducir as probabilidades de sufrir patoloxías do corazón.
Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística recollidos pola Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, estas patoloxías son unha das causas principais de mortalidade en España, onde representan o 26,1% dos falecementos.
As estimacións indican que no Estado se produce unha morte por este motivo cada catro minutos, sendo as doenzas isquémicas e as cerebrovasculares as máis frecuentes.
A Organización Mundial da Saúde sinala que ata o 80% das mortes prematuras por estas causas poderían evitarse con cambios nos hábitos de vida, xa que factores como a hipertensión, o colesterol, o tabaquismo, a diabetes ou o sedentarismo son controlables.
A actividade que se desenvolveu no mercado incluíu diferentes propostas para explicar estes riscos de xeito práctico coas doutoras Irene Ordóñez e Sara Menduiña explicaron os factores de risco mediante unha dinámica didáctica a modo de escenificación de situacións dos pacientes na consulta médica.
A doutora Zinnia Castiñeiras tratou a alimentación; as enfermeiras Ana Corbal e Teresa Villanueva abordaron os efectos do tabaco e do alcohol na saúde e a enfermeira Lorena Eitor centrouse nos beneficios do exercicio físico.
Un integrante da Asociación PonteCorazón compartiu os cambios de hábitos que tivo que realizar tras sufrir un infarto de miocardio.
Para finalizar a xornada, o alumnado do CIFP Carlos Oroza, baixo a dirección de Manuel Hermo, preparou unha degustación de pratos elaborados con produtos frescos do propio mercado.
O obxectivo desta parte da actividade foi mostrar a aplicación práctica dunha dieta equilibrada con alimentos de quilómetro cero.
Esta xornada contou coa colaboración da Asociación de Mercaderes, representada por Begoña Laya, e do Concello de Pontevedra.