O Mosteiro de Poio acolle dende esta semana unha xoia do Nadal: o belén artesanal de Paco Lens, veciño de Arís.
Esta creación, froito dun mes de intenso traballo, destaca polo seu excepcional nivel de detalle e realismo, converténdose nun dos puntos de interese cultural e festivo do Concello nestas datas.
A obra, totalmente elaborada a man, coida cada un dos seus elementos. Dende a iluminación e a auga en movemento ata o empedrado das rúas, os detalles dos edificios antigos e mesmo as raíces das árbores, todo foi creado con esmero e dedicación polo autor.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, xunto co pai mercedario do Mosteiro, Arsenio Fernández, e a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, visitaron o belén.
Durante a visita, o rexedor subliñou "o enorme traballo e ilusión que Paco Lens puxo nesta obra, un exemplo da creatividade e talento que temos no noso municipio".
Moldes agradeceu a iniciativa e destacou que "accións como esta contribúen a que o Nadal en Poio sexa aínda máis especial e participativo".
O belén de Paco Lens estará exposto durante todo o Nadal na igrexa do Mosteiro de Poio e poderá visitarse en horario de tarde, a partir das 15:30 horas.